Comeza o día con bo pé. Aprende a elaborar almorzos ricos e saudables

Mentres que para algunhas persoas é imprescindible para comezar a súa xornada, para outras é un trámite máis ao que non lle dan importancia ou mesmo rexeitan. Pero o certo é que o almorzo forma parte das rutinas de moitos e moitas de nós: é realmente a comida máis importante do día? Podemos utilizar calquera alimento? Estamos comendo de xeito saudable? Sigue lendo este blog para coñecer as respostas e descubrir novas receitas.

Non, o almorzo non ten por que ser necesariamente a comida máis importante do día nin existen estudos que corroboren esta afirmación. Para lograr unha alimentación sa, temos que procurar gozar de todas as tomas de alimentos ao longo do día, xa que de nada serve obrigarnos a comer cando espertamos se non temos fame.

Do mesmo xeito, é importante que nos deixemos guiar polo que nos apetece no momento. Ao contrario do que a industria alimentaria nos pode facer crer, non é necesario almorzar só con doce: o hummus, os ovos ou o tomate tamén son alimentos que poden formar parte desta rutina. Co leite ocorre algo similar: nin é estreitamente necesario, nin carecemos de alternativas para consumir lácteos.

Entón, que almorzos diferentes e saudables podes preparar polas mañás? Velaquí unhas receitas coas que se che fará a boca auga:

TOSTAS CON REVOLTO DE COGOMELOS

Apetéceche almorzar algo salgado? Pan integral, un ovo, aceite de oliva virxe extra, allo e uns cogomelos é todo o que precisas para elaborar unhas deliciosas tostas. Fai o ovo revolto e saltea os cogomelos co allo, coloca todo sobre o pan tostado e a gozar.

PORRIDGE DE AVEA CON FROITA

A froitas son moi boas aliadas para preparar estas comidas: que tal consumilas nun porridge? Só precisarás quecer un pouco leite e engadirlle uns copos de avea que cociñarás a lume lento para obter unha papa á que lle podes engadir a túa froita favorita e outros condimentos como froitos secos. Agora que chega o verán, tamén o podes consumir frío despois de pasalo pola neveira.

SORBETES DE FROITA

A calor vai protagonizar os vindeiros meses do ano e un almorzo fresquiño pode ser a mellor opción para combatela. Corta uns anacos de amorodos e plátano e méteos no conxelador. Pasadas unhas horas, báteos ata conseguir a textura desexada e xa estaría listo. Por outra banda, tamén podes mesturar as froitas, sen conxelar, cun iogur natural para lograr outra consistencia.

Precisas de máis ideas? A nosa nutricionista Natalia Hospido ofréceche máis receitas nesta ligazón. Non dubides en consultarnos para que o equipo profesional da nosa área de nutrición tamén che axude a preparar un almorzo completo e saudable.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *