Alimentación e Nadal. Que o doce non che amargue estas datas
Para que negalo? O Nadal sempre foi sinónimo de grandes cantidades de comida e moito consumo de larpeirada como chocolates, polvoróns, turróns, mazapáns, o tan esperado roscón de Reis… Poderíamos pensar que esa é a alimentación que debemos seguir nesas datas por algunha norma non escrita, pero o certo é que o noso corpo non pecha por vacacións e que debemos coidalo. No blog de hoxe dámosche unha serie de consellos para que non fagas destas celebracións un golpe directo ao teu benestar.
O primeiro que debemos ter en conta é deixar os excesos. É moi importante comer de xeito moderado, ata cando sintamos o noso estómago cheo e non pesado. Nestas ceas e comidas o máis normal é que haxa unha gran variedade de pratos no menú, o cal pode complicar esta tarefa. Que podemos facer para non inxerir demais e gozar de todas as preparacións? A resposta está nas racións. Controla a cantidade de alimentos que serves no teu prato e chegarás á sobremesa en boas condicións.
Do mesmo xeito, non é aconsellable saltar comidas do día por se ceamos moito, por exemplo, en Noiteboa, ou non cear porque rematamos de xantar moi tarde. Moderar as racións tamén será de moita axuda para sentirnos ben despois de comer e non alterar os nosos hábitos.
Por outra banda, por moito que queiramos sorprender aos nosos e nosas comensais coas nosas elaboracións, non debemos apostar moito polas graxas saturadas de alimentos como o queixo, embutidos, certas salsas ou fritos. As carnes magras e os pescados con unha mellor opción para os teus pratos, igual que as froitas e verduras.
Ninguén di que non poidas comer algo de turrón ou uns polvoróns, pero deberá ser de xeito moi puntual. Para conseguilo e non picar máis da conta da bandexa, non fagas as comidas máis longas do necesario e levántate unha vez rematedes de xantar ou de cear.
Así mesmo, tampouco é recomendable o consumo excesivo de bebidas alcohólicas ou refrescos con moito azucre, moi estendidos nesta época. Opta por acompañar estas comidas máis copiosas do normal con auga para manter o teu corpo ben hidratado. Certas infusións tamén poden axudarche a facer unha mellor dixestión.
Sigue estes consellos e poderás gozar dun Nadal saudable no que, ademais de celebrar as datas coa túa familia e amigos, poderás seguir coidando do teu benestar. Con todo, cando de alimentación se trata sempre é recomendable contar coa axuda dun/dunha profesional que nos indique unhas pautas personalizadas. En García e Lestón, o noso equipo da área de nutrición ofrecerache toda a axuda necesaria.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!