Psicoloxía e menores, é momento de romper tabús

No coidado do noso benestar a saúde mental cumpre un gran papel pero, por mor da pandemia que vivimos, está a ser moi afectada. Co paso do tempo é máis difícil afrontar unha situación cada vez máis longa e chea de restricións que nos afectan dun xeito negativo e se acumulan en nós. Pero sabes que as persoas novas están a resultar gravemente prexudicadas?

Tanto a chegada do verán como a posterior volta aos colexios evidenciaron o incremento da demanda de atención psicolóxica nas persoas menores. Deste xeito, as consultas nos últimos meses aumentaron ao redor dun 20%, por problemas como a depresión, ansiedade e incluso trastornos da alimentación.

No caso dos nenos e nenas, aínda que gozan dunha maior capacidade de adaptación, o que precisan para ter certa tranquilidade é a previsibilidade, algo moi complexo na actualidade ao atopármonos nunha situación totalmente descoñecida para nós. Como consecuencia, presentan inquietude e irritabilidade, ao tempo que sofren máis rabechas porque non poden canalizar totalmente a súa enerxía.

Chegados a este punto, queres coñecer algunhas pautas ou técnicas que seguir para reducir os efectos psicolóxicos nas persoas máis novas?

 

Unha forma adecuada de actuar dende unha perspectiva familiar é tentar comunicarnos cos fillos e fillas. O feito de falar sobre a situación actual e dos seus sentimentos pode axudarlles a entender o que está a acontecer e o que senten ao respecto. Así, é moi importante escoitar as súas palabras dunha forma empática e en ningún momento menosprezalas. A conversa familiar é fundamental neste sentido.

Igualmente, cómpre favorecer un clima agradable no interior do fogar que podes aproveitar para achegarte máis aos teus fillos/as. Desta maneira, facilitarás un diálogo caracterizado polo cariño e a comprensión, o que os fará sentir seguros/as e con confianza no seu día a día.

Aínda así, é importante prestar atención aos seus cambios de ánimo e comportamento e contar coa axuda de especialistas para evitar que os problemas vaian a máis.

Dende a nosa área de Psicoloxía do Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón podemos apoiarte no coidado da saúde mental dos máis pequenos e pequenas. O noso equipo profesional achegará a luz que precisas para facer este proceso máis doado.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *