Porque a saúde non debe agardar, nunca
Agora, tras pouco máis dun ano de pandemia, se de algo nos demos de conta é de que o noso benestar nunca debe agardar, porque cando falla a saúde o mundo párase. Na actualidade, comezan a facerse evidentes algunhas das súas moitas consecuencias que este peculiar ano nos está a deixar. Unha mostra é a actual saturación que padecen as Unidades de Fisioterapia de Atención Primaria debido á súa gran demanda.
Sabes cales son os motivos que se atopan tras a conxestión dun servizo que é esencial?
Durante varias semanas todos e todas vimos reducida case completamente a nosa práctica deportiva no confinamento, o que inevitablemente deu lugar a unha perda da capacidade muscular e elasticidade.
Deste xeito, o escaso exercicio físico entre a poboación nese momento, sumado á recente recuperación da actividade, ven provocando nestes últimos meses o xurdimento de certas dores en partes do corpo como as pernas ou as costas.
Tamén hai que engadir que o teletraballo, pese a ser moi vantaxoso, ten parte de culpa, pois a xente non conta cunha educación postural axeitada. Así, o feito de colocarnos de forma incorrecta na cadeira pode implicar a aparición de contracturas e lumbalxias.
Por estes motivos, aos/ás pacientes con doenzas crónicas tamén hai que sumar as numerosas persoas que acoden xunto a especialistas por mor de patoloxías típicas que son consecuencia do actual contexto no que nos atopamos.
A gran demanda que estamos a ver no servizo de fisioterapia fai que este, ao contar cunha media en Galicia no SERGAS de tan só un/unha profesional por cada 17.000 habitantes, non poida facerlle fronte e se dea unha gran demora nas consultas.
Porén, a saúde das persoas non debe nin pode agardar, sobre todo na actualidade. Neste sentido é moi importante o papel que exerce esta disciplina na prevención da deterioración física.
Un exemplo é nas lesións de xeonllo, onde a fisioterapia é a base do tratamento rehabilitador. Ao ser esta unha peza imprescindible dentro do noso corpo por permitirnos a mobilidade, cómpre comezar canto antes o seu proceso de coidado e convertelo nunha rutina para obter os mellores resultados.
Actuar rápido nestes casos conleva certos beneficios como son a diminución da dor, a recuperación da forza e da flexibilidade e tamén o aumento da mobilidade articular, así como tamén se pode evitar que unha doenza nun principio leve pase a ser crónica por non proceder a tempo.
En García e Lestón somos moi conscientes disto, e sabemos que a túa saúde ten que ser o primeiro. Nas nosas instalacións, en Arteixo, contamos cunha área específica de fisioterapia, cun equipo profesional experto en coidar do teu benestar e facer que a túa recuperación sexa máis doada e eficaz. Non deixes que as dores te paren!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!