Fisioterapia respiratoria. Que a alerxia da primavera non te deixe K.O

Nun primeiro momento, pode que relaciones a fisioterapia exclusivamente co tratamento e a prevención de lesións, pero o certo é que se trata dunha disciplina que actúa sobre moitas áreas e unha das que máis che pode interesar, agora que entramos na primavera, é a fisioterapia respiratoria.

Esta é unha especialidade da fisioterapia destinada ao tratamento de patoloxías respiratorias e pode servir tanto a modo de prevención como a modo de apoio ou complemento a intervencións cirúrxicas ou medicamentos. Non supón ningún tipo de dor para a persoa paciente, posto que é un tipo de fisioterapia moi pouco invasiva. Algunhas das doenzas que se benefician dela son:

  • Asma
  • EPOC
  • Fibrose quística
  • Bronquite
  • Pneumonía
  • Alerxias
  • Catarro

Ademais, pódese aplicar tanto a persoas adultas como a nenas ou mesmo a bebés e axudará, entre outros beneficios, a mellorar a capacidade respiratoria, expulsar secrecións do nariz e dos pulmóns, reducir a cantidade de medicación que precisemos e mesmo pode influír nun mellor descanso e na redución da ansiedade e o estrés.

A alerxia é unha resposta inmunolóxica do noso organismo fronte a algún tipo de substancia. Coa chegada do bo tempo na primavera, as persoas tendemos a saír máis á rúa e a inhalar partículas como o pole que poden causar en nós proído de garganta, de ollos ou tose, entre outros efectos. A fisioterapia respiratoria tamén pode axudar a aliviar ditos síntomas. Como? Existen varias técnicas, aquí algunhas delas:

  • Drenaxe postural: consiste en colocar á persoa doente en varias posicións para lograr unha expulsión das secrecións mediante o efecto da gravidade.
  • Percusión torácica: son golpes repetidos no tórax para eliminar as secrecións que se manteñen pegadas nas paredes dos bronquios.
  • Compresión torácica: facilita a respiración ao comprimir o esterno e o tórax.
  • Expansión torácica: lógrase ao inspirar o máximo posible e manter o aire durante un breve período de tempo para despois expulsalo de forma lenta.
  • Respiración diafragmática: inspirar polo nariz e expirar pola boca.
  • Outros exercicios enfócanse á aprendizaxe dunha forma eficaz de tusir. É dicir, tusir para expulsar as secrecións facilmente sen que supoña ningún tipo de dor.

Con todo, cómpre recordar que o labor do/da profesional sempre será o de realizar unha valoración e exploración previa do sistema respiratorio do/da doente para identificar as súas necesidades e para descartar calquera tipo de risco provocado por algunha enfermidade. En García e Lestón temos ao mellor equipo profesional na nosa área de fisioterapia para que a respiración non che tapone o teu día a día.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *