Remata o ano. Ves a liña de meta?
Estás a buscar un novo desafío para rematar ou empezar o ano? Se este é o teu caso, dende García e Lestón propoñémosche un dos retos deportivos máis habituais: participar nunha carreira.
Este tipo de competicións supoñen un gran esforzo físico e mental e poñen a proba a nosa capacidade de resistencia, adaptación, dedicación e disciplina. Por iso, moitas persoas ao longo da súa vida teñen o soño de poder terminar unha maratón, pero non co obxectivo de gañar, senón de demostrarse a eles/elas mesmos/as que son capaces de superar os límites que se propoñan.
Con todo, como comentamos anteriormente, as altas esixencias que implica esta actividade deportiva requiren dun acondicionamento previo, polo que, dende as nosas unidades de adestramento e fisioterapia, dámosvos algúns consellos para preparar a vosa próxima carreira:
- Realiza unha revisión médica: antes da inscrición, debes pedirlle a profesionais da saúde e da fisioterapia que revisen o teu estado físico. O primeiro é saber se o teu corpo é capaz de resistir este tipo de esforzo e, en base a iso, establecer unhas distancias límites.
- Busca información sobre o percorrido: é moi importante que coñezas o tramo que vas correr, saber onde se atopan os desniveis e os puntos de avituallamento para poder organizar mellor o teu ritmo e tempos.
- Planifica o teu adestramento: crea unha rutina de preparación física. Non só debes incluír diferentes tramos e distancias, é esencial que realices exercicios de forza, mobilidade e flexibilidade para previr lesións e mellorar a túa pisada. Tamén é recomendable que aumentes a intensidade e duración das túas carreiras gradualmente. Aínda así, o incremento da quilometraxe non debería superar o 10% dunha semana a outra. O teu obxectivo debe ser alcanzar a distancia necesaria 4 semanas antes do evento, para despois diminuír o ritmo do teu adestramento e manter o teu corpo preparado para o día da competición.
- Coida a túa alimentación e mantente hidratado/a: parte do éxito depende da túa nutrición. Debes contar cunha alimentación equilibrada onde non falten vitaminas, minerais, proteínas graxas e hidratos de carbono. Lembra tamén que a intensidade da actividade require unha perda de auga e sales minerais, polo que é moi importante hidratarse antes, durante e despois da carreira para mellorar o teu rendemento.
- Descansa: este tipo de actividades supoñen un gran esgotamento físico, por iso é moi importante que teñas un tempo de descanso e de recuperación. O aconsellable son 8 horas de sono.
- Elixe un calzado axeitado: os teus pés van ser os que te leven cara á meta. Utiliza unhas zapatillas que se adapten ás túas necesidades e aporten unha boa suxeición e amortecemento. Lembra que o día da competición non debes estrear nin roupa nin calzado para unha maior comodidade!
En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento e da fisioterapia que che axudarán a planificar a túa carreira e facer unha posta a punto completa. Non o dubides máis e contacta connosco sen compromiso!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!