Adestramento no verán, cuestión de tempo
Chega o verán e con el as nosas ganas por realizar unha morea de actividades: ir á praia e tomar o sol, quedar coas nosas amizades, camiñar por algunha ruta… e para o final deixamos o adestramento que, en moitas ocasións, non chegamos a facer por “falta de tempo”.
Por isto mesmo, nesta época estival a xestión correcta dos horarios é un aspecto fundamental que debes ter en conta para que a práctica deportiva non se che faga custa arriba ao chegar o ritmo habitual no mes de setembro. Saber controlar este parámetro é unha habilidade que che permitirá tamén aumentar a túa produtividade.
Ao pensar nestes meses de xullo e agosto que é o primeiro que che vén á cabeza? Se a túa resposta foi a calor estás no certo. Este é un dos principais elementos que debemos ter en conta á hora de planificar as nosas sesións de adestramento e pautalas segundo a humidade e mais a temperatura.
No caso de que queiras realizar a túa actividade ao aire libre, este último parámetro ten que situarse entre os 20 e 24°C, mentres que por enriba dos 25°C pode resultar perigoso para a túa saúde. A mellor opción é evitar as horas do mediodía e adestrar nas primeiras da mañá, sobre as oito ou as nove, ou nas últimas da tarde, cara ás oito ou dez, pois o aire é máis fresco e as temperaturas máis suaves.
Neste sentido, algo que pode axudar no caso de que vaia moita calor é escoller un tipo de exercicio físico acorde a esta, polo que podes practicar natación ou acudir a unhas instalacións deportivas pechadas e con aire acondicionado. Agora xa tes unha escusa menos para deixalo a un lado!
Outro obstáculo co que pode bater a túa motivación é adestrar en solitario, polo que mellor facelo en compañía. Estar cos teus amigos/as ou parella á vez que camiñas, corres ou pedaleas é a mellor forma de non mudalo para outro día e de sacar o máximo rendemento ao teu esforzo.
En poucas palabras, as vacacións de verán serven para recuperar a enerxía perdida durante o resto do ano, e para iso non hai nada mellor que o deporte. Aínda así, cómpre non ir ata o extremo, pois o noso corpo tamén precisa un descanso de polo menos un día á semana.
En García e Lestón sabemos que ás veces manter unha rutina pode ser unha tarefa algo difícil, e máis durante estes meses. Por este motivo, no noso centro contamos cun equipo profesional que che axudará a planificar o teu adestramento e a exercitarte dunha forma metódica e sen présas. Tanto na praia coma no monte, faille un oco ao deporte no teu verán!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!