Cando non atopas o equilibrio entre o esforzo e o descanso: Coñece a sindrome do sobreadestramento
Es dos/das que o dan todo no ximnasio? Pois ten moito coidado, porque un adestramento excesivo pode ser máis prexudicial que beneficioso para a túa saúde!
Cando unha persoa quere mellorar o seu aspecto físico nun curto período de tempo, adoita aumentar a intensidade dos exercicios e reducir o número de descansos entre eles. Esta práctica é moi daniña para o corpo, xa que non permite que os músculos se recuperen correctamente do esforzo e pode levar a sufrir a coñecida como síndrome do sobreadestramento.
Esta doenza é unha condición psicolóxica e fisiolóxica que se produce como resultado dun adestramento excesivo e prolongado sen un adecuado período de recuperación. Moitos/as atletas chegan a sufrir esta afección porque aumentan de xeito erróneo a intensidade da súa rutina para mellorar o seu rendemento.
O exceso de exercicio pode levar a un desequilibrio entre o estrés e a recuperación, producindo unha serie de síntomas negativos que poden manifestarse tanto a nivel físico como mental. Algúns dos máis comúns son:
- Fatiga crónica e falta de enerxía.
- Dor muscular.
- Insomnio.
- Diminución do rendemento deportivo.
- Cambios no estado de ánimo.
- Perda do apetito.
- Irritabilidade, ansiedade ou depresión.
- Dificultade para concentrarse.
Ademais de ter a súa orixe nos adestramentos excesivos ou na falta de descanso, tamén poden incrementar a aparición desta síndrome:
- Factores psicolóxicos: o estrés, a presión, as altas expectativas ou a falta de motivación poden contribuír á aparición deste trastorno.
- Factores nutricionais: unha mala alimentación pode afectar á capacidade do corpo para reparar os tecidos despois da actividade física.
Para previr esta enfermidade, dende a unidade de adestramento de García e Lestón dámosche algúns consellos que podes comezar a aplicar na túa rutina:
- Establece un plan de adestramento adecuado ás túas necesidades, equilibrando os tempos de exercicio e os de recuperación.
- Escoita ao teu corpo: se tes algún sinal de fatiga ou lesión debes descansar de inmediato.
- Mantén unha alimentación equilibrada e hidrátate constantemente.
- Incorpora técnicas de relaxación para reducir os niveis de estrés e xestionar as túas emocións.
- Consulta a profesionais do adestramento, da fisioterapia ou da psicoloxía calquera dúbida que teñas.
Manter un equilibrio entre a actividade física e o descanso é esencial para previr calquera tipo de lesión e mellorar progresivamente as túas capacidades. En García e Lestón contamos con profesionais do adestramento que che axudarán a planificar unha rutina de exercicios adaptada ás túas necesidades e obxectivos. Contacta connosco sen compromiso!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!