Alimentación nas doenzas neurodexenerativas. Unha poderosa aliada
Ao longo da nosa vida, son moitas as doenzas ás que nos debemos enfrontar, pero non todas son igual de complexas nin teñen o mesmo tratamento. Hoxe ímonos centrar nas doenzas neurodexenerativas, aquelas caracterizadas pola morte progresiva das neuronas. Estas enfermidades derivarán, comunmente, nunha dificultade no movemento (Parkinson ou Esclerose) ou nunha afección cognitiva (demencia ou Alzheimer).
Estas doenzas non teñen cura e empeoran progresivamente, pero si hai xeitos de retardar o seu avance, mellorar os síntomas e incluso evitar a súa aparición. Máis aló do tratamento médico, a nutrición é unha moi poderosa ferramenta que pode axudar a estes/estas doentes a lograr unha mellor calidade de vida. Como?
Existen moitos alimentos que producen un impacto beneficioso no noso sistema nervioso debido ao seu aporte nutricional. Así, varios estudos afirman que a alimentación mediterránea está estreitamente relacionada coa prevención desta clase de afeccións e coa diminución dos seus efectos sobre a saúde pola gran presenza de verduras, froitas, legumes, froitos secos ou AOVE.
Estes alimentos son unha fonte de antioxidantes, como as vitaminas A, C e E. Os antioxidantes son substancias encargadas de retardar o dano celular, polo que non son só beneficiosas para paliar estas doenzas, tamén axudan a frear o envellecemento e ata a aparición de tumores e enfermidades cardiovasculares. Pola súa banda, os ácidos graxos omega 3, que podemos atopar no pescado azul, as sementes e os froitos secos, son moi importantes para o bo funcionamento das funcións cognitivas, influíndo positivamente na perda de memoria e na demencia.
Con todo, non debemos esquecer que a alimentación tamén se adaptará ás condicións deste tipo de doentes. As enfermidades dexenerativas provocarán dificultade para mover os brazos, as mans, os dedos e incluso para tragar, é dicir, disfaxia, polo que será necesario triturar alimentos sólidos ou espesar os líquidos para lograr unha textura que non produza ningún tipo de obstrución na gorxa. Ademais, tanto a propia doenza como a medicación que precisan estas persoas pode ter efectos secundarios sobre os seus hábitos, tales como: perda do apetito, estrinximento, náuseas ou vómitos que poden derivar nunha gran perda de peso.
Sempre dicimos que coidar a alimentación é fundamental para manter o noso benestar tanto físico como mental, polo que non podemos desatendela nin nos momentos máis complicados. Manter uns hábitos saudables pode ser o factor que marque a diferenza, nunca o esquezas. Para logralo, sempre é recomendable seguir os consellos das persoas profesionais. En García e Lestón atoparás ao mellor equipo para guiarte no proceso, tanto na nosa área de nutrición, como na de adestramento, fisioterapia ou psicoloxía.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!