Adestramento e Nadal. Que a falta de rutina non te leve ao lado escuro

Chega a época máis agardada do ano para moitas persoas. Os reencontros, os agasallos e as ceas con familiares e amigos/as son as actividades que definen sempre as nosas vacacións de Nadal. Con todo, este cambio tan brusco na nosa rutina pode alterar os nosos hábitos, como a realización de exercicio. Moitos poderían pensar que estas datas e a actividade física non casan moi ben, pero neste blog ímosche explicar por que segue a ser tan importante practicar deporte nestas celebracións e que facer para non deixalo a un lado.

É normal que, ao rematar o ano, nos preocupemos menos polas nosas motivacións do día a día e comecemos a propoñernos novos retos para os meses seguintes. Prometer que en 2022 imos facer exercicio de forma máis constante se en decembro abandonamos a rutina que tiñamos establecida só conseguirá que nos desmotivemos ante a sensación de non cumprir cos nosos obxectivos. Por iso é tan importante non renderse na recta final do ano. Do mesmo xeito, non debemos deixarnos levar polo feito de estar fóra da nosa cidade, da nosa casa, de viaxe ou non poder acceder ao noso ximnasio habitual.

Por outra banda, o deporte pode resultarnos de moita axuda ante as comidas e ceas tan copiosas do Nadal, posto que podemos queimar parte dese exceso de calorías. Con todo, debemos ter en conta que o exercicio non fai milagres, e que non funcionará para contrarrestar os abusos de certos alimentos como os turróns ou os polvoróns. Facer exercicio está ben, pero tampouco debemos descoidar en exceso a alimentación.

Outro aspecto no que nos pode resultar de axuda é no estrés e na ansiedade. Ben sexa polos agasallos, pola decoración, por facer a cea perfecta, polas reunións en tempos pandémicos ou, simplemente, porque non che gusta o Nadal, estas datas pódense facer complicadas. Unha rutina de actividade física será beneficiosa para manter o noso benestar psicolóxico ou mesmo para conciliar mellor o sono.

Entón, se tan importante é o exercicio nesta época, como podes organizar a túa rutina?

  • Se queres facer deporte, o máis importante é quecer antes para evitar calquera posible lesión.
  • Do mesmo xeito, non esquezas facer exercicios de estiramento, moi importantes nunhas datas tan sedentarias.
  • Realiza 30 minutos de actividade cardiovascular ao día. Se o tempo cho permite podes saír a camiñar ou a correr.
  • Non esquezas combinar isto con exercicios de forza polo menos uns 3 ou 4 días á semana.

Que pensas agora? Seguro que cos nosos consellos xa es consciente do importante que é manter a nosa rutina de actividade física durante o Nadal. Con todo, sempre é mellor contar con apoio profesional. En García e Lestón o noso equipo está disposto a axudarche en todo o que precises para que o deporte non se che faga costa arriba nin en vacacións.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *