Non hai dúas sen tres: coida as túas emocións nesta terceira vaga
A importancia de coidar a túa saúde mental ante a pandemia.
A saúde mental é un aspecto que debemos ter moi en conta para o noso benestar físico e psicolóxico. Recentemente entramos na terceira vaga da covid-19, e os efectos negativos das duras restricións da primeira e a segunda vaga vanse acumulando en nós, orixinando en moitos casos problemas de saúde mental como depresión ou ansiedade.
Do mesmo xeito que acudimos a outros/as profesionais por outro tipo de doenzas, debemos pedir axuda ante a aparición de síntomas que poidan indicar que, efectivamente, necesitamos atención psicolóxica.
Pero cales son as causas principais, no contexto pandémico, da aparición de problemas de saúde mental? Algunhas poden ser:
- Risco de contacto co virus.
- Longos períodos de confinamento.
- Loito ante a perda de familiares e amigos/as.
- Excesiva exposición ás noticias relacionadas ca pandemia.
Estes problemas poden afectar a toda a poboación, pero existen certos grupos vulnerables que son máis propensos a desenvolver problemas psicolóxicos.
- O persoal sanitario, polo alto risco de contaxio e a presión laboral.
- As persoas maiores, pola súa debilidade fronte ó virus, o medo a contaxiarse ou a soidade á que se enfrontan nos períodos de confinamento.
- A poboación máis moza, ante a incerteza do seu futuro.
Estas cuestións poden provocar en nós a aparición de trastornos de ansiedade, depresión ou estrés postraumático. Entón, que factores me poden indicar que preciso de axuda? Incerteza, angustia, problemas para respirar, tristeza continuada, distracción recorrente, apatía ou pensamentos relacionados coa morte ou o suicidio poden ser indicativos de que precisamos de atención psicolóxica de inmediato.
Ademais, é importante prestar atención a un dos grupos vulnerables máis esquecidos en canto ó impacto psicolóxico da pandemia, os/as adolescentes. Como adiantabamos antes, a incerteza de cara ó futuro é un dos factores chave na aparición de problemas psicolóxicos nun sector da poboación que está en pleno proceso formativo, de autodescubrimento e de interacción social.
A inestabilidade académica, as restricións comunicativas, a posible recesión económica ou as dificultades para acceder ó mercado laboral poden provocar cambios de ánimo, irritabilidade, insomnio, pensamentos suicidas ou mesmo incitar ó consumo de drogas ou alcohol na poboación moza. Debemos estar atentos/as á aparición de sinais e afrontalas sen xerar conflitos.
Se experimentas algún destes indicativos, non dubides en buscar apoio sanitario, agora máis que nunca debemos preocuparnos pola nosa saúde. Dende a nosa área de Psicoloxía do Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón podemos axudarche a superar as doenzas que deixa en nós a pandemia e a coidar a túa saúde mental.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!