Non deixes que este Nadal che regale uns quilos de máis
Como te estás portando estes días de excesos de Nadal? Esperamos que ben, que logo custa aínda máis volver á rutina! No anterior artigo do blog xa che deixamos consellos relativos a manter unha dieta máis saudable durante todas as festas e agora queremos completar a lista con claves para manterte máis activo.
Non só é importante que vixíes a túa alimentación, senón que te exercites fisicamente para non perder a forma e, como non, para “compensar” as comidas copiosas destas datas, evitando un posible aumento de peso.
Toma nota destes consellos para coidar o teu corpo durante este treito final do Nadal:
- Establece unha rutina diaria e deseña o teu propio calendario. Marca o exercicio na axenda como se fose unha tarefa máis, así quererás cumprilo. Non tes que facer un adestramento igual de esixente todos os días, pero cumpre con todo o que te comprometas. Por exemplo, podes establecer un exercicio máis completo 3 días á semana (camiñar, cardio, forza e estiramentos).
- Cumpre coa camiñada diaria. O que si debes todos os días, sexan de festa ou non, é saír a camiñar durante unha hora a bo ritmo. Convida á túa parella, un amigo ou familiar para que se che faga máis ameno. Iso si, sempre con máscara! E se o podes facer pola natureza mellor. Isto non só che permitirá manter a forma, senón que che virá moi ben para desconectar e coidar a túa saúde mental.
- Reforza o teu cardio. Sabemos que non é apto para todas as persoas, sobre todo se aínda estás comezando nisto do deporte, pero, sempre que o teu estado físico cho permita, nesa andaina podes correr algúns intervalos de 2 minutos, alternándoos co paseo. Tamén o podes facer se tes cinta na casa.
- Fai exercicios de forza. Completa a rutina con pranchas para fortalecer o abdome, flexións, pesas para brazos, sentadillas…
- Realiza estiramentos. Non te esquezas deles para completar a túa rutina. Dedícalles cando menos 15 minutos cada día para mellorar a túa flexibilidade e a mobilidade das articulacións. Ademais, estarás contribuíndo a reducir o estrés.
Un dos propósitos máis repetidos cada ano que comeza é perder peso, verse mellor fisicamente ou poñerse en forma. Compartes algún deles? Pois para este 2021 xa non hai escusa! En Centro de Saúde e Benestar García e Lestón Fisioterapeutas en Arteixo (A Coruña) contamos cun servizo de adestramento persoal para axudarche a cumprir os teus obxectivos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!