Exercicio físico para a Fibromialxia e Síndrome da Fatiga Crónica. Un aliado a ter en conta?
O exercicio físico sempre está aí para axudarnos a mellorar a nosa condición física e mental e darnos un empuxón na nosa calidade de vida. Tanto é así, que o deporte tamén se converte nunha ferramenta moi útil para axudar a paliar os efectos de doenzas como a Fibromialxia e a Síndrome da Fatiga Crónica. Queres coñecer como? Sigue lendo.
Aínda que moitas persoas poidan confundilas e a pesar de ter algúns síntomas en común, estas son dúas doenzas diferentes, cada unha cos seus efectos:
A Síndrome da Fatiga Crónica, como o seu nome indica, caracterízase por un cansazo extremo e persistente no tempo, facendo que o/a doente presente problemas á hora de realizar as súas actividades diarias de xeito normal.
A súa principal diferenza con respecto á Fibromialxia reside na dor, esta segunda doenza fai que a persoa que a padece teña unha dor crónica e xeneralizada que afecta, principalmente, ao aparato locomotor.
Malia todo, ambas teñen efectos semellantes:
- Dores de cabeza.
- Insomnio.
- Depresión.
- As dúas preséntanse máis en mulleres que en homes.
- A sensación de cansazo tamén pode ser tamén unha consecuencia da Fibromialxia.
Que papel xoga, entón, o exercicio físico para estas doenzas? Cómpre aclarar que determinar o estado e as capacidades do/a doente previamente por un ou unha profesional é algo fundamental, posto que hai persoas, especialmente coa Síndrome da Fatiga Crónica, para as que realizar deporte pode ser realmente complicado.
Para comezar, debemos ser conscientes de que temos que iniciarnos na actividade de forma progresiva. Moitos e moitas doentes destas enfermidades rexeitan por completo facer exercicio nas primeiras fases da mesma, situación empeorada polo malestar psicolóxico. O certo é que, ao adestrar, estaremos mellorando a resistencia, a flexibilidade ou a forza, condicións que serán peores nestas persoas pacientes debido ao seu sedentarismo.
Así, os exercicios aeróbicos poden axudar a unha certa diminución da dor e da fatiga. Comeza por saír a camiñar uns 10 minutos e ir incrementando ese tempo pouco a pouco e ao longo dos días. Bailar, montar en bicicleta estática ou a natación tamén poden ser actividades que nos axuden a mellorar os síntomas.
Tampouco debemos esquecernos do adestramento de forza. Fortalecer os nosos músculos fará que as actividades cotiás, como subir unhas escaleiras, sexan un pouco máis doadas. Do mesmo xeito, os exercicios de flexibilidade serán útiles para combater a rixidez.
Practicar un pouco de actividade física (na medida do posible) tamén terá un impacto positivo sobre o benestar mental, mellorando o estado de ánimo e incluso a calidade do soño.
Con todo, volvemos lembrar que o acompañamento por parte dunha persoa profesional que avalíe a viabilidade dos exercicios é completamente necesario para estes/as doentes. En García e Lestón temos aos mellores equipos de fisioterapia e adestramento para guiarte en todo o proceso.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!