Volta ao cole e educación alimentaria: non son incompatibles
Volta ao cole e educación alimentaria: non son incompatibles
Rematan as vacacións, chega setembro e con el a tan esperada volta ao cole. Nesta época son moitos os pais e nais preocupados pola conduta alimentaria dos seus fillos e fillas, especialmente cando falamos dos máis mozos/as da casa. Logo da tempada estival na que os excesos ou o consumo de alimentos afastados dunha dieta saudable son a norma, é importante saber como mellorar eses hábitos nos nenos/as.
Dende a infancia ata que somos persoas adultas estamos nunha continua aprendizaxe e crecemento tanto físico como mental no que a alimentación xoga un papel fundamental. Cunha correcta educación nutricional axudamos aos pequenos e pequenas a fomentar uns hábitos saudables que perduren ao longo da súa vida. No blog de hoxe revelámosche algunhas das chaves que precisas coñecer para lograr unha boa educación alimentaria:
- Se queres que coman ben, comeza por facelo ti: non podemos pretender alimentar aos nenos e nenas dun xeito distinto ao noso, se queremos que coman legumes ou froita, nós tamén debemos facelo. A mellor forma de que normalicen os alimentos saudables é ver ás persoas adultas consumíndoos.
- Deixa que participen na compra e na elaboración dos pratos: deste xeito conseguimos que se familiaricen con conceptos como os grupos de alimentos ou a hixiene alimentaria.
- Torna á rutina progresivamente e planifica un menú semanal: se chegamos dun verán que alterou a nosa alimentación o mellor será organizar as comidas da semana para poder incluír alimentos como vexetais ou legumes.
- Evita ter ultraprocesados na casa: da mesma forma que cos alimentos saudables, se crecen normalizando o consumo desta comida, rematarán por asocialo a un hábito.
- Respecta os seus sinais de fame e non empregues a comida como premio ou castigo: é importante non forzalos/as a comer e non facer que sigan os nosos mesmos horarios, así conseguiremos que coman de forma consciente.
Pero de seguro que queres coñecer que beneficios lles aporta aos nenos e nenas unha correcta alimentación. Estes son algúns dos máis importantes:
- Maior protección ante enfermidades.
- Asegura un correcto crecemento e desenvolvemento.
- Contribúe a unha maior produtividade.
- Evita que aparezan certas doenzas na idade adulta: diabetes, cancro, etc.
Agora xa coñeces algúns consellos para lograr unha boa educación alimentaria nos pequenos e pequenas da familia. Con todo, na área de nutrición do noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón axudaremos en todo o posible cunha atención personalizada e unhas pautas adaptadas á necesidade de cada mozo e moza. Non agardes e consúltanos!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!