O FRÍO NON TEN POR QUE SER UN IMPEDIMENTO. ADESTRA NESTE NADAL E DURANTE O INVERNO
Chega o Nadal, o frío, as comidas familiares, o turrón e as ganas de quedar sentado/a no sofá vendo unha película. Para moita xente, estas datas son sinónimo de deixar todo atrás.
A actividade física debe ser algo fundamental no noso día a día para poder manter unha vida saudable e non facela pode afectar gravemente á nosa saúde. Non deixes que a preguiza e as baixas temperaturas gañen esta loita! De facelo, podes sufrir as consecuencias. Contámoscho neste blog.
Levar unha vida sedentaria pode facer que perdamos masa muscular e resistencia, que se debiliten os nosos ósos, o metabolismo vese afectado, o sistema inmunitario é menos efectivo, a circulación do sangue empeora, o corpo pode chegar a desenvolver un desequilibrio hormonal, etc. Ademais disto, aumenta o risco de padecer doenzas como a obesidade, infartos, presión e colesterol altos, accidentes cerebrovasculares, diabetes tipo 2, algúns tipos de cancro como o de colon, seno ou útero, osteoporose ou mesmo depresión e ansiedade.
Ademais, aínda que busquemos escusas para non saír da nosa casa a movernos polo frío, facer deporte nestas baixas temperaturas (sempre que non sexan extremas) ten unha serie de beneficios para nós.
- Axúdanos a reforzar o noso sistema inmunolóxico ao aumentar o número de leucocitos e granulocitos.
- Favorece á nosa capacidade cardiovascular, cardiopulmonar e o desenvolvemento dos músculos, posto que o noso corpo debe mellorar o seu rendemento para adaptarse ao frío.
- Practicar deporte en inverno fai que esteamos máis hidratados que en épocas de calor. De todos xeitos, sempre debemos manter unha boa hidratación cando realizamos algún tipo de actividade física.
- Ao facer exercicio nesta época do ano, comezamos a crear unha rutina positiva e chegamos nunha boa condición física aos meses máis calorosos. Ter a costume de realizar actividade física fará que na época de verán, non nos custe tanto movernos.
- Con todo, lembra sempre utilizar prendas que te protexan do frío e che axuden a manter unha boa temperatura corporal para evitar padecer hipotermia, quece os teus músculos e estira antes e despois de cada adestramento, respectivamente.
Traballar cara unha vida saudable debe ser un obxectivo do día a día. En García e Lestón contamos co mellor equipo de profesionais no ámbito do adestramento para facer desta tarefa algo máis sinxelo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!