Hernia de disco lumbar: non deixes que a dor sexa a protagonista da túa historia
A semana pasada falabamos en redes dun dos problemas de costas máis comúns na sociedade: a lumbalxia. Pero as doenzas que se poden experimentar nesta zona do corpo son varias e, por normal xeral, moi dolorosas para quen as padece. Dende García e Lestón traémosvos ao noso blog outra das afeccións máis frecuentes que chegan á nosa consulta de fisioterapia, a hernia de disco lumbar.
A hernia de disco fai referencia a un problema cun dos amortecedores cartilaxinosos (discos) que se atopan entre as vértebras e forman a espiña dorsal. Un disco espiñal está formado por un núcleo que se atopa rodeado por un anel. Unha hernia aparece cando a parte do núcleo se despraza cara fóra a través dun racho no anel. Cando isto acontece, pode exercer presión sobre un ou máis nervios raquídeos, causando dor, entumecemento ou debilidade.
A maioría das hernias de disco aparecen na zona máis baixa das costas (lumbar) e a dor adoita manifestarse ao tusir ou moverse cara unha certa posición. Por normal xeral, as hernias só afectan a unha parte do corpo. Os sinais máis comúns que nos advirten desta doenza son:
- Dor nas pernas: ademais de padecer unha dor intensa nesa zona, tamén pode causar molestias nos glúteos, nas coxas ou nos pés.
- Entumecemento: aparece na zona do corpo onde se conectan os nervios afectados.
- Debilidade: se a hernia presiona un nervio, o músculo ao que está conectado debilitarase, o que pode provocar tropezos e caídas.
As causas desta afección adoitan deberse ao desgaste natural gradual que acontece mentres envellecemos. A medida que nos imos facendo maiores, os discos tornan menos flexibles e máis propensos a romperse. Algunhas veces, o uso forzado das costas dá lugar a esta situación, por exemplo, cando torcemos e viramos o noso lombo mentres levantamos un obxecto pesado.
De todos xeitos, existen factores que aumentan o risco de sufrir unha hernia de disco:
- Traballos fisicamente esixentes.
- Exceso de peso corporal.
- Familiares que sufrisen esta doenza.
- O tabaquismo, ao diminuír a subministración de osíxeno aos discos.
- Ter unha vida sedentaria.
- A condución frecuente, xa que a vibración do motor pode exercer presión sobre a columna.
O tratamento inicial para esta doenza adoita ir orientado cara o consumo de medicamentos antiinflamatorios xunto coa axuda da fisioterapia. Nos casos máis complicados é necesaria unha intervención cirúrxica para solucionar a hernia.
A dor e as molestias que acompañan a este problema poden interromper a realización de actividades cotiás, o que provoca unha perda do benestar xeral. En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso en profundidade e elaborarán un programa de recuperación adaptado ás túas necesidades para que poidas superar esta afección e recuperar de novo a túa calidade de vida.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!