Existe a cea ideal? Consellos e receitas para a última comida do día
A crenza de que as ceas se deben facer cedo e ser lixeiras está moi entendida entre todos e todas nós, pero, é realmente certa? Si, pero con certos matices. Cales son as chaves dunha cea saudable? Que alimentos debemos consumir? Que receitas podemos elaborar? As respostas, neste blog. Continúa lendo:
Por que esta comida debe ser máis lixeira que outras e por que non é recomendable facela a altas horas da noite? Isto débese a que, chegados os últimos compases do día, o noso corpo non procesa nin aproveita tan ben os alimentos como noutras tomas, especialmente como no almorzo.
Con todo, “lixeiro” non significa “pouco”. Corre o pensamento de que canto menos ceemos, mellor será para a nosa saúde e o noso organismo, pero o certo é que a nosa cea interfire en procesos tan importantes como o descanso, a calidade do sono, a rexeneración de células e tecidos e a recuperación da enerxía que gastamos durante o día, polo que é importante consumir a cantidade necesaria de alimentos.
Do meso xeito, non podemos utilizar a cea como “castigo” por comer moito durante o resto do día: esta práctica pode ser moi perigosa e afectar negativamente á nosa relación coa comida, podendo derivar nun TCA ou Trastorno da Conduta Alimentaria.
O aconsellable é que no teu prato haxa unha parte importante de vexetais, mellor se os consumimos en cru, que deben ir en compañía de alimentos que nos acheguen proteína de calidade como legumes, froitos secos, peixe ou ovos. Do mesmo xeito, podemos engadir cereais ou tubérculos. E si, tamén podes comer hidratos de carbono pola noite. Ao contrario do que moitas persoas cren, ningunha comida engorda máis dependendo da hora na que se consuma. Tendo en conta isto, que receitas podo cociñar para unha cea sa? Aquí unhas ideas para realizar este verán:
Gazpacho
Un dos mellores xeitos de engadir tomate e verduras ao noso menú nunha sopa fría e refrescante. Escalda os tomates, pélaos e báteos xunto con allo, pemento verde, cogombro e algo de pan. Finalmente engade AOVE, sal e vinagre ao gusto e déixao arrefriar.
Ensalada de arroz e polo
Con esta receita estarás a consumir hidratos e proteínas, o que o fai unha cea ideal. Pon a remollo un pouco de arroz basmati e cóceo. Á vez, asa unha peituga de polo e córtaa en anacos. Finalmente mestura todo con algo de millo, tomate, espárragos ou aguacate e condiméntao con maionesa, aceite ou vinagre.
Espetada de salmón e verduras
Unha boa forma de comer desta fonte de ácidos graxos omega 3. Corta uns anacos de salmón e das túas verduras favoritas (por exemplo: tomate, pemento e cabaciña) en dados e colócaas nun espeto, prepáraas na tixola ou na prancha e acompáñaas dun aderezo de zume de limón ou de lima.
Agora que xa coñeces todas as chaves para unha cea saudable e saborosa, non a deixes de lado no teu día a día. Se precisas de axuda cos teus hábitos de alimentación, non dubides en poñerte en contacto connosco, as persoas profesionais da nosa área de nutrición guiarante en todo o que precises.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!