É a conta de calorías no que nos temos que centrar?
Algunha vez dixeches que as matemáticas non son o teu pero logo contas todas as calorías dos alimentos que consumes? Este é o primeiro dato que buscas cando les a etiqueta dalgún produto? Aínda que moitas persoas cren que contar as calorías é a forma correcta de determinar canto hai que comer, a realidade é outra e, se queres saber por que, non deixes de ler.
Para comezar, as calorías están presentes en todos os alimentos que consumes e unha unidade dela é a cantidade necesaria para elevar 1 grao Celsius a temperatura de 1 gr. de auga. Este é un número moi pequeno, polo que normalmente se mide en kilocalorías, onde 1 desta equivale a 1000 calorías.
Ao longo dun día, unha persoa adulta debe consumir ao redor de 2.000 Kcal, pero esta cifra sempre vai depender de moitos factores como pode ser o nivel de actividade física ou a idade. Neste senso, contar as calorías pode converterse moitas veces nunha obsesión e chegar a ser contraproducente para a xente que practica deporte, pois un correcto aporte calórico é esencial para poder render de forma axeitada nos adestramentos.
O feito de estar continuamente pensando nas calorías que levas en cada momento do día para non pasarte pode facer que en moitos casos remates por consumir unha cantidade inferior á que realmente precisas. O seu resultado será un nivel de canseira superior ao habitual, ademais dunha baixa enerxía.
Por estes motivos, á hora de escoller ou facer a comida é moito mellor elixir os alimentos en base á súa tipoloxía que polo número de calorías que aparece na súa etiqueta. Saber alimentarnos correctamente, ademais de inxerir os que nos aportan calorías de calidade, como os hidratos de carbono complexos que atopamos nos cereais integrais, é ben importante.
Deste xeito, debemos distribuír adecuadamente os macronutrientes e coñecer que cantidades e con canta variedade comer para seguir unha dieta equilibrada. Dende García e Lestón recomendámosche que non dediques o teu día á fórmula de lapis, libreta e calorías e o mudes por:
- Elixir alimentos que aporten nutrientes.
- Distribuír as porcións ao longo do día e en función das actividades que realices.
- Seguir unha dieta variada chea de diversas cores.
- Evitar alimentos precociñados.
- Gozar da comida sen obsesións.
Aínda que as calorías poden servir como marco de referencia en casos concretos, a súa conta sempre debe vir da man de persoas profesionais como son as dietistas-nutricionistas. No noso Centro Integral de Saúde e Benestar García e Lestón contamos cunha área específica de nutrición na que che axudaremos cun modelo matemático ben saudable e adaptado ás túas necesidades.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!