Consumo sostible e responsable. Es consciente do que comes?
Evitar comprar máis produtos do necesario, aforrar en auga ou enerxía… Cantas veces na túa vida oíches falar dun consumo responsable e sostible? A teoría parece sinxela, pero a práctica pode supoñer toda unha incógnita. Coñeces realmente as chaves dunha alimentación consciente coa contorna na que vivimos? Descúbreo neste blog.
Para comezar, debes saber que o consumo responsable na alimentación ten moitas caras:
- Busca xerar o menor impacto posible sobre o medioambiente.
- É consciente da realidade social e ten en conta os dereitos humanos que se poidan ver afectados na elaboración dun produto a consecuencia da explotación, por exemplo.
- Aposta por non gastar moitos recursos naturais.
- Axuda a manter unha alimentación saudable e equilibrada.
- Resulta sostible tamén para a nosa economía.
Todo isto conséguese a través dos nosos hábitos de consumo. Que podemos facer dende a nosa cesta da compra e menú diario? Mercar alimentos ecolóxicos terá un menor impacto para o planeta, iso é evidente. Con todo, non debemos deixarnos levar exclusivamente por esta condición.
Neste sentido, resulta moi importante prestar atención ao etiquetado da comida. Mercar produtos de procedencia local sempre será mellor para o medioambiente. De pouco serve optar por un produto ecolóxico procedente doutras partes do planeta se a pegada que xera o uso de combustibles para o seu transporte é moi grande.
En relación a isto, apostar polos produtos de tempada tamén será máis sostible. Hoxe en día podemos gozar de calquera alimento en calquera momento do ano. Con todo, se consumimos amorodos de febreiro a maio, atoparémonos cun produto máis saboroso, de mellor calidade e máis respectuoso coa contorna ao ser producido de forma local e non trasladado doutros lugares.
O ideal neste caso sería planificar o menú tendo en conta os alimentos que están de tempada. Como podo saber isto? Aquí un consello: adoitan ser aqueles que atopas en maior abundancia e a menor prezo. Así, verás que a mandarina se dá moito nos primeiros e últimos meses do ano, ao igual que a mazá. As sandías ou as cereixas, pola contra, atoparanse máis dispoñibles en meses calorosos como maio, xuño, xullo ou agosto.
Por último, non esquezas que menos é máis. Cando vaias facer a compra, non merques máis comida da que vaias usar, deste xeito evitarás un posterior desperdicio da mesma.
Con estes consellos xa non tes escusa. A que agardas para mudar os teus hábitos cara un consumo máis consciente e comprometido? Se necesitas axuda neste ou en calquera outro ámbito da túa alimentación, en García e Lestón contamos con grandes profesionais na nosa área de nutrición para facerche este camiño un pouco máis sinxelo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!