Comeza con bo pé o 2022. A importancia de coidar a nosa saúde mental
Moitos e moitas de nós reservamos un espazo na nosa listaxe de propósitos de ano novo para coidarnos máis e seguir unha serie de melloras na nosa alimentación ou nas nosas sesións de adestramento. Pero neste impulso por ter unha mellor saúde non debemos esquecer o coidado da nosa mente.
Que a saúde mental sexa un dos pilares fundamentais para garantir o noso benestar non é ningún segredo. Con todo, e aínda que precisar axuda profesional neste ámbito sexa un feito cada vez máis normalizado, moitas persoas poden esconder esta necesidade aos seus seres queridos ante a falta de información ou o medo a ser incomprendido/a. Son estes e outros factores os que fan que a sociedade estigmatice a terapia psicolóxica e os e ás doentes que acoden a ela. Por iso, no blog de hoxe falaremos sobre a súa importancia e os beneficios que nos proporciona para que comeces o 2020 do mellor xeito posible.
Para empezar, é preciso que sexamos conscientes de que a terapia non só está orientada a aquelas persoas con doenzas mentais. Acudir a un psicólogo ou psicóloga pode ser moi beneficioso aínda que non teñamos, a priori, ningunha necesidade. Por que? Falar cun/cunha profesional de forma libre axudaranos a:
- Comprender mellor os nosos pensamentos.
- Xestionar as nosas emocións.
- Detectar condutas que nos gustaría cambiar.
- Saber como afrontar os problemas do día a día.
- Mellorar a forma na que nos relacionamos coas demais persoas.
Deste xeito, obteremos unha imaxe máis real de nós mesmos/as coa que poderemos coñecer cales son as nosas motivacións, virtudes e limitacións no camiño a alcanzar as nosas metas e obxectivos de vida.
O labor dun/dunha psicólogo/psicóloga tamén resulta de interese para superar certas dificultades que non teñen por que supoñer necesariamente a presenza dalgunha doenza mental. Se precisas axuda para comunicarte mellor con outras persoas ou coñecer xente, a terapia pode ser unha grande aliada.
Neste sentido, é de utilidade á hora de eliminar o risco de que aparezan problemáticas máis graves ou posibles trastornos. Certos acontecementos, experiencias ou pensamentos irracionais poden desencadear, co paso do tempo, en estrés, ansiedade ou mesmo fobias. Saber identificar ditos factores e reaccionar ante eles pode ser a clave.
Como podes comprobar, o noso benestar mental non é algo que poidamos deixar de lado. Neste ano que comeza, e despois de case dous de pandemia, a atención a este aspecto da nosa saúde resulta de vital importancia para todos e todas nós. Por iso, en García e Lestón contamos co mellor equipo profesional na nosa área de psicoloxía para axudarche en todo o que precises.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!