Que o teu verán non se paralice. Evita as lesións de pulso.
As lesións alteran a nosa calidade de vida interferindo na realización de actividades cotiás ou de lecer e, malia que todas chegan a ser molestas, hai algunhas que nos poden afectar máis que outras, como a dor de pulso, posto que se trata dunha articulación que temos en constante movemento.
Dende García e Lestón queremos amosarche as principais lesións de pulso que existen e como podes chegar a previlas.
En primeiro lugar, os síntomas poden variar segundo a causa, non temos as mesmas molestias cando sufrimos unha escordadura que cando nos diagnostican artrose, polo que o tipo de dor e a localización poden ser diferentes dependendo da enfermidade. Nestes casos, é esencial acudir a un/unha profesional que nos axude establecer unha diagnose concreta.
As principais lesións que nos atopamos nesta articulación son:
- Traumatismos: son as máis comúns e ocorren cando sufrimos caídas repentinas, xa que adoitamos estender a man para evitar un golpe maior. Isto pode provocar escordaduras, distensións e mesmo fracturas.
- Tensión repetitiva: calquera actividade que implique un movemento reiterado da articulación -conducir, xogar ao tenis, tocar o violín- pode inflamar os tecidos que se atopan arredor ou provocar fracturas por sobrecarga, especialmente se se realiza durante horas e sen descanso.
- Artrose: prodúcese cando a cartilaxe que amortece os extremos dos ósos se deteriora co paso do tempo. Esta afección é pouco común no pulso e adóitase dar en persoas que lesionaron anteriormente esta parte do corpo.
- Artrite reumatoide: trastorno no que o sistema inmunolóxico do organismo ataca aos seus propios tecidos. Esta enfermidade é habitual que afecte a ambos os dous pulsos.
- Síndrome do túnel carpiano: esta afección maniféstase cando hai un aumento de presión no nervio mediano a medida que pasa polo túnel carpiano, unha canle que esta situada entre os ósos do pulso.
Existen moitos factores que poden orixinar as lesións que acabamos de ver, e é que a dor nesta articulación pode afectar a calquera persoa (tanto se é sedentario/a como deportista). Nestes casos, é imposible predicir se imos recibir un golpe ou non, pero si que podemos tomar algunhas precaucións como:
- Fortalecer os ósos consumindo alimentos con calcio e realizando actividade física.
- Intentar evitar as caídas (utilizando calzado adecuado, agarradoiras no baño, etc.)
- Utilizar pulseiras ou equipos de protección á hora de realizar deporte.
- Utilizar materiais ergonómicos no día a día que non manteñan o pulso en tensión.
En García e Lestón contamos con profesionais da fisioterapia que estudarán o teu caso en profundidade para aplicar o mellor tratamento adaptado ás túas necesidades. Tamén podes solicitar asesoramento personalizado de como previr este tipo de lesións. Non o dubides e contacta connosco sen compromiso!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!