“Primeiro eu, despois eu e por último eu”. Aprende a recoñecer o comportamento dunha persoa narcisista
As relacións interpersoais están presentes en todos os ámbitos da nosa vida e son esenciais para o noso desenvolvemento persoal, profesional e social. Pero ás veces, estas pódense ver afectadas polo noso comportamento ou o da outra persoa. Aínda que existen varios factores que dificultan o contacto social, dende García e Lestón queremos facer fincapé nun dos trastornos que causa maior conflito: o narcisismo.
O trastorno da personalidade narcisista é unha doenza de saúde mental que se caracteriza por un patrón xeneralizado de sentimento de superioridade, necesidade de atención e admiración excesiva, relacións conflitivas e falta de empatía polos demais.
A pesar de que as persoas con este trastorno comparten unha aparencia de seguridade e confianza en si mesmas, o certo é que adoita ser todo o contrario, tenden a ter unha autoestima moi fráxil que ven vulnerada coa máis mínima crítica.
Esta afección afecta máis aos homes que ás mulleres e desenvólvese na etapa da adolescencia ou a principios da idade adulta. Malia que os/as máis pequenos/as poden manifestar trazos de narcisismo, isto adoita ser parte do seu proceso de crecemento.
Dependendo do grao de narcisismo, os sinais que nos alertan desta doenza poden pasar máis ou menos desapercibidos. Os comportamentos máis habituais son:
- Sentimento de superioridade: estas persoas adoitan considéranse mellores que os/as que a rodean. Por iso, agrádalles ter privilexios e ser tratados/as dunha forma especial. Neste sentido, cren que só as persoas que están ao seu nivel poden comprendelos/as, o que leva a un menosprezo e crítica constante a quen non ven relevante.
- Necesidade de admiración excesiva: presumen moito das súas capacidades e esixen que a súa contorna os admire por iso, mesmo cando non conseguiron ningún logro.
- Preocupación polo éxito: unha das súas maiores inquedanzas é a de acadar grandes metas, derivando nunha obsesión polo poder, a grandeza e a excelencia en todos os aspectos da súa vida.
- Falta de empatía: carecen de capacidade ou vontade para recoñecer e identificarse cos sentimentos e as necesidades dos demais. A maioría das veces non senten culpa ou arrepentimento das súas accións negativas.
Por suposto, a convivencia con estas persoas pódese converter nunha auténtica odisea, especialmente se se trata da nosa parella, un familiar ou un mellor amigo/a, posto que o seu comportamento pode afectar directamente á nosa saúde mental e á nosa calidade de vida.
Se tes dificultades á hora de manexar as túas relacións con persoas narcisistas, ou mesmo se te identificas con algunha das características que mencionamos e queres comenzar a cambiar os teus hábitos sociais, en García e Lestón contamos con profesionais da psicoloxía que che axudarán a atopar unha solución.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!