PROBLEMAS CO COLESTEROL? APÓIATE NESTES ALIMENTOS

“Controla o teu colesterol”. De seguro que tes escoitado máis dunha vez a familiares, persoal sanitario e mesmo en anuncios da televisión esta frase pero, sabes por que é realmente tan importante? Coñeces como regulalo a través da alimentación? Contámoscho neste blog.

O colesterol é unha substancia similar á graxa que se atopa en todas as nosas células. O noso corpo encárgase de producilo constantemente, pero tamén o podemos obter de alimentos de orixe animal como a carne ou a xema dos ovos.

Con todo, debemos saber que existen distintos tipos de colesterol e non todos son prexudiciais para a nosa saúde:

  • Colesterol bo ou HDL: transporta outros tipos de colesterol doutras partes do corpo de volta ao fígado para que este os elimine.
  • Colesterol malo ou LDL: un nivel alto desta substancia produce unha acumulación de placas nas arterias.
  • Lipoproteína de moi alta densidade: é tamén colesterol malo ao igual que o LDL, a diferenza radica en que transporta tamén triglicéridos.

Un exceso de placas que se peguen ás paredes dos vasos sanguíneos pode provocar unha  arterioclerose. Isto causa doenzas nas arterias, chegando a estreitalas ou mesmo bloquealas. Nos peores casos, se temos un gran depósito destas placas é posible que unha das nosas arterias se rompa, dando lugar a un coágulo que pode obstruír parcial ou totalmente o fluxo do sangue, coa conseguinte posibilidade de sufrir un ataque ao corazón.

Entón, como podemos baixar o noso colesterol e situalo nun punto beneficioso? O máis importante é ter unha vida saudable e, polo tanto, un plan de alimentación beneficioso e completo para o noso organismo. Non obstante, a pesar de que unha nutrición óptima é necesaria para coidar o noso sistema, hai certos produtos que favorecen a baixada do colesterol malo.

A avea e os cereais integrais achégannos unha gran cantidade de fibra, que axuda a reducir os niveles de LDL. Así mesmo, o aguacate, unha froita cunha popularidade crecente, incrementa ata un 45% a redución do colesterol malo e a súa graxa axuda a aumentar a porcentaxe de colesterol bo do noso sangue.

Por outra banda, o aceite de oliva tan característico da nosa alimentación mediterránea contén ácido oleico, que axuda a reducir o colesterol malo e aumenta o bo. Ademais, é unha fonte de vitamina E e un potente antioxidante que protexe da oxidación e a inflamación, polo que reduce a acumulación de placas nas arterias.

Non podemos deixar fóra os alimentos que son, a súa vez, unha fonte de proteína: pescados azuis coma o salmón, as sardiñas ou o atún, moi ricos en omega 3 ou legumes como as fabas, as lentellas ou os garavanzos.

Coidar o noso sistema non se relaciona unicamente co deporte, a alimentación é igual de importante. Debemos ser conscientes do que estamos a inxerir, como nos axuda e canto podemos comelo para ter unha vida duradeira e chea de saúde. As persoas profesionais da nosa área de nutrición axudaranche en todo o que precises.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *