Estrés e dores de lombo, non lle deas as costas á ansiedade
Cantas veces ao día sentes estrés por algo que tes que facer: estudar para un exame, entregar unha tarefa laboral, non dispoñer de tempo para ti? Pensas que por mor da pandemia tendes a sufrir unha maior ansiedade? E se che dixéramos que esta ademais pode ser a causa das túas dores de costas?
O primeiro que temos que saber é que a ansiedade é un estado mental que provoca unha elevada inquietude e inseguridade. Ao mesmo tempo produce unha reacción psicofisiolóxica de activación intensa do sistema nervioso central e de todo o organismo.
Ambas as dúas son doenzas que, por separado, son cada vez máis frecuentes, sobre todo como consecuencia do actual contexto no que nos atopamos. Pero tamén o son dunha forma conxunta. Existen varios estudos, como os realizados pola Universidade de Porto (Portugal), que sinalan a relación entre este trastorno psicolóxico e a cronificación da lumbalxia.
Ás costas hai que engadir tamén os ombreiros, a base do pescozo e a rexión posterior dos brazos. De xeito global, estes son os músculos que adoitamos empregar cando nos atopamos nunha posición de defensa. A súa tensión permite preparar o corpo para reaccionar e, cando a situación de estrés remata, estes volven ao seu estado de relaxación.
Porén, se o estrés é algo común no teu día a día, ou se acumula durante un longo período de tempo, pode que a ansiedade que che produce chegue a convertelo en algo permanente. Neste caso, os músculos pasan a ficar nun estado de tensión constante. Como consecuencia, é moi doado que se produza unha contractura que pode desencadear graves dores de costas.
Por estes motivos é ben importante que prestes atención se comezas a ter estes malestares físicos, pois pode que así entendas a súa orixe. Afondar na túa vida diaria e facer unha análise dela contribúe a que poidas coñecer se te atopas baixo pequenos episodios de ansiedade que, aínda que semellen inofensivos, poidan rematar nestas dores de costas.
En García e Lestón sabemos que a saúde mental e a física se inflúen a unha á outra, polo que a mellor solución é abordar o teu problema dunha forma multidisciplinar, mediante tratamentos combinados de psicoloxía e fisioterapia. Nas nosas instalacións de Arteixo contamos cun equipo profesional experto nestas áreas que te axudará a conseguir que a túa recuperación sexa máis eficaz e doada. Non deixes que a ansiedade e as dores te paren!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!