Síndrome das pernas inquedas. Que é e como nos axuda a fisioterapia?

Tes unha sensación incontrolable de mover as pernas durante a noite? Sentes molestias comunmente nestas extremidades? Pode ser que padezas a síndrome das pernas inquedas. Contámosche de que se trata esta doenza e como nos pode axudar a fisioterapia a continuación. Presta atención:

Cales son as causas que poden facer que teñas esta síndrome? Malia que non é doado establecer un motivo exacto, si que pode deberse a un mal funcionamento da dopamina, unha substancia do cerebro que intervén no movemento muscular. Con todo, outros factores de risco poden ser:

  • Carencia de ferro.
  • Trastornos renais.
  • Lesións dos nervios periféricos.
  • Aumento do ácido úrico no sangue.
  • Embarazo.
  • Diabetes.
  • Esclerose ou Parkinson.
  • Factor hereditario.

Estar moito tempo sentado/a, consumir tabaco, alcohol ou cafeína e non durmir o suficiente tamén poden desencadear a aparición desta doenza.

Como saber se padeces a síndrome das pernas inquedas? O síntoma máis común, como xa che avanzamos, é esa necesidade irrefreable de mover as pernas estando en repouso e percibir alivio cando o fas, pero tamén é normal sentir aformigar estas extremidades, ter proído nelas e movementos involuntarios polas noites. Este último síntoma pode derivar nunha dificultade á hora de conciliar o sono. O cansazo, un maior risco de padecer doenzas cerebrovasculares e cardiovasculares, hipertensión arterial, cambios de humor, ansiedade, falta de concentración ou a depresión tamén son consecuencias desta síndrome.

Que papel cumpre a fisioterapia no seu tratamento? Unha persoa profesional deste ámbito, ademais de axudarche a identificar a gravidade e a causa da doenza, pode aplicar unha serie de técnicas para mellorar a túa calidade de vida. Por unha banda, as masaxes nas pernas relaxan os músculos e articulacións para aliviar a dor. Pola outra, o/a fisioterapeuta, a través de exercicios, tamén che axudará a aumentar a flexibilidade e a forza destes membros, e poderache dar consellos para manter unha boa hixiene postural que contribúa a unha mellora dos síntomas. Outro tratamento é o método de compresión, que se utiliza para xerar certa presión nas extremidades e lograr unha mellor circulación do fluxo sanguíneo.

A saúde e o benestar físico e mental son fundamentais para a nosa vida e non debemos deixalos a un lado. Manter uns hábitos saudables e unha rutina activa pode marcar a diferenza ante a síndrome das pernas inquedas. En García e Lestón atoparás ao mellor equipo para mellorar a túa calidade de vida.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *