O consumo de azucre para a nosa saúde. Non edulcores o problema

De seguro que moitas veces escoitaches que as persoas precisamos de azucre para obter enerxía e para manter o noso cerebro activo, pero esta é unha verdade a medias. É realmente necesario para nós? Que efectos ten no noso organismo? Que alternativas existen? É viable deixalo de súpeto? As respostas, a continuación.

Non, o azucre non é o combustible do noso cerebro, é a glucosa, producida polo noso corpo ao inxerir determinados alimentos que non teñen por que ter necesariamente azucre engadido: froitas, verduras, cereais ou legumes, por exemplo.

Esta idea preconcibida de que o azucre é tan indispensable fai que vexamos como algo saudable o consumo de alimentos cun alto contido desta substancia con moitas calorías baleiras e ningunha achega nutricional. De feito, un exceso do mesmo no noso menú diario pode ter moitas consecuencias negativas:

  • Sobrepeso ou obesidade
  • Diabetes
  • Caries
  • Hipertensión
  • Doenzas cardiovasculares

Ademais, o azucre pode contribuír a que os nosos ósos se debiliten e perdan masa, favorecendo o risco de sufrir fracturas. Do mesmo xeito ocorre cos nosos músculos, cuxa recuperación se pode ver afectada ante unha alta presenza deste alimento no noso corpo: esquécete do vaso de auga con azucre despois dos adestramentos! Por outra banda, tamén pode prexudicar ao noso benestar psicolóxico, estando relacionado co risco a padecer problemas de memoria, adicción, ansiedade ou mesmo depresión.

Xa tes claro que tomar moito azucre non é positivo en ningún caso, pero cal é o seguinte paso para cambiar os teus hábitos? O máis inmediato é pensar no corte total e absoluto desta substancia no teu día a día, pero isto é un erro absoluto. O cambio debe ser progresivo, se non, é probable que non goces do que estás a comer e que, finalmente, non sexas capaz de deixalo: o noso padal necesita adaptarse a estes novos sabores menos doces.

Como conseguilo? Aplica pequenos cambios nos alimentos que tes na túa despensa: merca un chocolate un pouco máis puro, sen tanta porcentaxe de azucre, pero non vaias ao extremo. Sigue o mesmo consello con outros produtos como os iogures ou o pan de molde, sempre de xeito gradual.

Con todo, non debes caer na trampa dos edulcorantes artificiais como substitutivos do azucre, como a sacarina. É moito mellor para a nosa saúde recorrer a alimentos naturais e non procesados, como o plátano, ideal para cociñar as sobremesas. Se precisas de inspiración para elaborar os teus doces de xeito saudable, a nosa nutricionista Natalia Hospido dáche as mellores receitas neste enlace.

Agora que coñeces as chaves do cambio, atréveste a facelo? Coa axuda do equipo profesional da área de nutrición de García e Lestón, o camiño será moito máis doado.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *