Camiño a Samaín. Come saudable sen ningún tipo de medo

Outubro é un mes de novidades: caen as follas, cambia o horario, baixan as temperaturas e novos alimentos chegan ao noso menú diario. Comezamos tamén a conta atrás cara Samaín, unha festividade na que a comida comparte protagonismo co terror pero, non por iso debemos deixar atrás a nosa vida saudable.

Para manter unha boa alimentación, independentemente do día ou a festa que se celebre, hoxe traémosche un listado de alimentos cos que podes preparar unha gran cantidade de pratos propios de outono equilibrados e sinxelos.

En primeiro lugar temos os legumes. Lentellas e garavanzos son os grandes protagonistas desta época do ano. De todos os elementos vexetais, estes son os que presentan un maior contido de proteína, polo que son realmente beneficiosos para nosa saúde.

Que pode ser máis típico do outono en Galicia que o Magosto e as castañas? Poden comerse asadas ou mesmo crúas, son un froito seco moi rico en potasio, beneficioso para a circulación e a presión arterial. Ademais, trátase dunha comida que sacia moito pola súa abundancia en hidratos de carbono. Podes comela como snack durante esta época do ano.

Coa chegada do frío, unha boa opción é unha crema quente de cabaza. Este alimento tan característico do Samaín ofrece moitas posibilidades á hora de cociñar, que ademais de sinxelas, son boas para a nosa saúde. A cabaza reforza as nosas defensas, coida o noso sistema cardiovascular, o aparato urinario e os riles; é antioxidante e contén as vitaminas A, C e E, calcio e magnesio.

Propio desta estación tamén é a busca e a recolleita de cogomelos. Son moi sinxelos de combinar nas nosas comidas e proporciónannos hidratos de carbono e proteína, así como unha serie de vitaminas, calcio, potasio e ferro. Como podemos engadir os cogomelos na nosa alimentación? Unha boa forma é con risottos ou revoltos de verduras e ovos; pero tamén son un gran acompañante para pescados como a merluza ou a carne.

Por último, a froita máis característica do outono son as mandarinas, populares pola súa facilidade á hora de pelalas e pola gran cantidade de vitaminas antioxidantes que posúe. Comer un par delas cobre aproximadamente o 50% das necesidades diarias de vitamina C. Este froito, similar á laranxa, apórtanos moita fibra que nos axuda a previr o estrinximento, doenzas cardiovasculares ou o cancro de colon. As mandarinas son, polo tanto, unha merenda ou comida de media mañá perfecta para este outono.
Pode que outubro sexa un mes de cambios e incluso medo coa chegada do Samaín, pero vén cunha serie de alimentos saudables con moitas posibilidades de receitas. Se queres conseguir unha alimentación equilibrada e completa este outono, en García e Lestón atoparás ao mellor equipo profesional que che axudará e te guiará no proceso, e se che apetece coñecer receitas terroríficas pero saudables, non perdas esta publicación da nosa nutricionista.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *