A importancia do acompañamento. O papel do/da fisioterapeuta na adaptación ao exercicio físico

Cando facemos as cousas, debemos facelas ben. Esta frase pode aplicarse a moitos ámbitos do noso día a día pero colle aínda máis forza cando estamos a falar do coidado da nosa saúde. E é que contar cun seguimento personalizado nas nosas actividades é indispensable se queremos alcanzar o máximo beneficio. Por iso, hoxe ímosche falar da importancia do acompañamento fisioterapéutico para unha correcta adaptación ao exercicio físico.

Se buscamos recuperar unha rutina de deporte despois dunha lesión ou comezar a adestrar de xeito máis habitual, probablemente o fagamos dende una condición física coa que non esteamos preparados/as para esa intensidade. O exercicio terapéutico é aquel baseado na adaptación da persoa ao esforzo e a certos movementos. Da man dunha persoa profesional, este modo de abordar a actividade física está destinado á mellora de certas patoloxías e a evitar lesións.

Con todo, os beneficios non rematan aquí. O control sobre as nosas actividades por parte dun/dunha fisioterapeuta fará que renderse sexa unha opción menos apetitosa. Non só polo apoio e o ánimo que nos pode transmitir, senón pola seguridade de que os nosos esforzos están sendo enfocados dende unha perspectiva que ten en conta as nosas virtudes e limitacións. Deste xeito, a intensidade e complexidade do adestramento poderá ir variando en función da nosa evolución.

Ademais, traballar a nosa condición física dende o exercicio terapéutico é garantía de máis beneficios, como poden ser:

  • Alivio da dor.
  • Corrección postural.
  • Prevención de lesións.
  • Tratamento da dor crónica.
  • Diminución da ansiedade ou estrés.
  • Mellora da calidade do sono e da capacidade respiratoria.
  • Aumento de forza, resistencia, equilibrio, axilidade ou velocidade.

Como é evidente, un plan de exercicio terapéutico debe estar deseñado por un/unha profesional logo de realizarnos unha avaliación completa. Comprobando a nosa mobilidade, poderá enfocar as actividades do xeito preciso. Pero non todo recae nas súas mans, como persoas que adestramos, temos que ser constantes e aplicar os exercicios que aprendamos tamén na casa. Así, a posta a punto do noso físico será máis rápida e efectiva.

Como podes ver, o exercicio é esencial no camiño á recuperación, pero facelo acompañado dun/dunha fisioterapeuta que sexa consciente de ata onde podemos chegar e que queremos conseguir é igual de importante. Por iso, en García e Lestón non podemos estar máis orgullosos do noso equipo, disposto a botarche unha man e a estar ao teu lado durante o proceso.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *