O diagnóstico na fisioterapia. Que a falta dunha valoración previa non che pase factura

Se cando imos ao oculista, o primeiro que realiza é unha análise do teu problema e da túa calidade da vista, por que ía ser distinto cun/cunha fisioterapeuta?

Na nosa primeira visita a unha persoa profesional da fisioterapia é esencial que este/esta nos faga exploración exhaustiva ou anamnese para poder establecer un diagnóstico que lle permita coñecer o estado do que partimos e as técnicas e ferramentas necesarias para poder aplicar un tratamento seguro e eficaz. De pouco serve non saber o que precisamos para mellorar, polo que partir desta base facilitará o proceso de recuperación.

Que debe avaliar o/a profesional? O certo é que pode comezar este proceso dende que entramos pola porta da consulta. O/A fisioterapeuta observará nun primeiro momento como camiñamos, os xestos que realizamos ou a nosa postura, xa que isto pode achegarlle moita información.

A continuación, é común que nos faga unha serie de preguntas coa finalidade de obter datos que lle poidan resultar de interese para o diagnóstico. Ademais do noso nome, xénero, idade, teléfono de contacto, enderezo ou, evidentemente, motivo da asistencia, precisará coñecer:

  • Antecedentes tanto persoais (se tivemos algunha outra lesión ou se esta é a primeira vez que acudimos a un/unha profesional) como familiares.
  • Actividade laboral.
  • Medicación que estamos a consumir e para que.
  • Doenzas ou operacións previas.
  • Hábitos de alimentación ou de exercicio físico.

Quizais te preguntas para que quere saber cousas que pode que che parezan irrelevantes, pero nada máis lonxe da realidade, a orixe da doenza pode agocharse en moitas das respostas a esas preguntas: non ten o mesmo risco de lesión unha persoa activa que unha sedentaria, certas disfuncións só se dan en idades avanzadas, mesmo o traballo que desenvolvemos pode revelar a fonte do problema (cargar moito peso, estar moito tempo sentados/as, etc.)

Logo disto e de recadar datos sobre a doenza co/coa doente (tipo de dor, duración, situacións nas que aparece ou se existe rixidez), pasará a unha exploración física na que, mediante palpación, valorará:

  • A nosa pel: elasticidade, grosor, sensibilidade…
  • Mobilidade das articulacións.
  • A nosa estrutura ósea: tronco, cadeira, ombreiros, xeonllos…
  • Estado dos nosos músculos.

Ademais, con isto tamén poderá atopar o punto exacto de dor e reproducir os movementos que a causan para enfocar dun mellor xeito a área do noso corpo que precisa da súa atención.

Agora xa coñeces todo o que se agocha detrás dun bo diagnóstico en fisioterapia. Partir dunha boa base é fundamental para atopar o camiño máis seguro e rápido cara a túa recuperación: na área de fisioterapia de García e Lestón témolo máis que claro.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *