Como compaxinar o Whatsapp e a túa vida académica. Que a única caída sexa a de Whatsapp

Como compaxinar o Whatsapp e a túa vida académica. Que a única caída sexa a de Whatsapp

Whatsapp leva formando parte das nosas vidas moito tempo. Esta aplicación de mensaxería instantánea permite que esteamos en constante conexión cos nosos amigos/as e familiares dende calquera lugar a través dos nosos móbiles. Pero igual que trae consigo cousas boas, o emprego excesivo desta plataforma pode xerar en nós unha dependencia da tecnoloxía.

O uso de redes sociais como Whatsapp pode afectar a numerosos ámbitos da nosa vida, como o académico. Algunhas das consecuencias que pode provocar utilizar de forma constante esta aplicación nas persoas estudantes poden ser:

  • Aparición de estrés ou ansiedade
  • Diminución da concentración
  • Perda de interese nas actividades de ocio
  • Desatención das relacións sociais

No blog de hoxe ímosche dar unha serie de consellos para que fagas un uso máis responsable do Whatsapp e para que a próxima caída da plataforma non te traia de cabeza.

O primeiro que debemos facer é tomar conciencia do uso cotián que facemos desta aplicación. Cantas veces a consultamos ao día? Canto tempo seguido pasamos nela? Usámola en situacións indebidas? O uso desta plataforma non debe interferir nas nosas actividades diarias, como asistir a clase, facer as tarefas ou manter unha conversa en persoa.

Así mesmo, temos que ser capaces de recoñecer o contexto no que nos atopamos dentro da aplicación. Non é o mesmo unha conversa cara a cara que unha dixital, o feito de non ver e escoitar á outra persoa pode dar lugar a confusións ou malentendidos. Intenta non sacar conclusións precipitadas sobre as intencións que se esconden detrás dunha mensaxe polo grupo da túa clase, isto pode xerar conflitos cos teus compañeiros e compañeiras.

Do mesmo xeito, debes respectar o uso que fan os e as demais de Whatsapp. Non desesperes se ese/a amigo/a coa que estás a falar non se conecta inmediatamente, recorda que cada persoa ten unha vida detrás da pantalla.

Para rematar, presta atención á túa seguridade dentro da aplicación. Debemos ter moita cautela co que compartimos nos nosos chats. Non lle deas información persoal ou comprometida a xente que non coñeces ou na que non teñas confianza e non contribúas a distribuír informacións falsas ou prexudiciais para outras persoas.

Se o uso de aplicacións como Whatsapp interfire na túa vida académica e non che permite dar o cento por cento na escola, na universidade ou mesmo nas túas relacións persoais, dende García e Lestón axudarémosche en todo o posible grazas ao noso equipo de profesionais da área de psicoloxía do noso centro integral.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *