Verán e redes sociais. Non todo o que ves é real

Acabamos de entrar no verán: a época de vacacións por excelencia. É certo que os meses de estío van estreitamente relacionados cunha desconexión e cun bo estado de humor e relaxación asociado ao bo clima e aos plans que realizamos no noso tempo libre. Moitos e moitas de nós compartimos estas experiencias por redes sociais con fotografías e vídeos que capturamos especificamente para amosarllos aos nosos/as seguidores/as. Pero non é ouro todo o que reloce.

Estas plataformas e aplicacións cambiaron o xeito no que vivimos e nos relacionamos, conectándonos máis facilmente cos nosos seres queridos e axudando a descubrir a novas persoas e celebridades. Malia todo, tamén se converteron nun lugar no que lucir a nosa mellor cara resulta máis “interesante” e máis “gratificante”: as redes sociais permítennos enmascarar a realidade e amosarnos ao resto do mundo como nos gustaría ser: unha versión admirable por todos e todas de nosoutros/as mesmos/mesmas.

Así, durante este meses verás en publicacións e historias as vacacións dese/desa influencer en lugares incribles, coa cara perfecta, o ton de pel morena envexable e un corpo canonicamente ideal. Pero o certo é que esas pequenas mostras da súa vida son coidadosamente seleccionadas para transmitir sensacións positivas e non reflicten a súa realidade completa. Moi poucas son as persoas que se atreven a compartir as partes negativas do seu día a día.

Isto súmase ao reforzo que supón para todos/todas os “me gusta” e os “compartidos”. Cantas máis cifras teñamos, máis interese estamos a xerar e mellor nos sentimos. Con todo, esta é unha sensación pasaxeira que provoca que actuemos en función do que pensarían os demais: “se fago isto, gañarei máis seguidores/as”. Isto pode desembocar nunha necesidade constante de aprobación por parte das demais persoas, chegando a afectar á nosa autoestima de non cumprir as expectativas.

Cando a dependencia por estas tecnoloxías chega a un extremo, podemos falar incluso de nomofobia: o medo irracional a non dispoñer do teléfono móbil ou de cobertura. Entón, que consellos podes aplicar para gozar máis das túas vacacións de verán e non preocuparte pola imaxe que ofreces en internet?

Malia que vexas a moitas persoas compartir nos seus perfís a súa estancia en destinos paradisíacos, a realidade é que non todo o mundo pode ter vacacións nesta época nin moito menos viaxar os seus lugares soñados. Non te frustres, aproveita o verán para desconectar e deixar a un lado as redes, céntrate en ti mesmo/mesma e proba novos escenarios e actividades que che permitan coñecerte mellor e gozar de novas experiencias.

Agora xa o sabes: non todo o que vemos en internet é un reflexo da realidade das persoas nin temos que buscar a aprobación dos/das demais por este tipo de vías. Con todo, se necesitas axuda para xestionar a túa relación coas redes sociais, o equipo profesional da área de psicoloxía de García e Lestón poderá axudarche con todo o que precises.

Comeza o día con bo pé. Aprende a elaborar almorzos ricos e saudables

Mentres que para algunhas persoas é imprescindible para comezar a súa xornada, para outras é un trámite máis ao que non lle dan importancia ou mesmo rexeitan. Pero o certo é que o almorzo forma parte das rutinas de moitos e moitas de nós: é realmente a comida máis importante do día? Podemos utilizar calquera alimento? Estamos comendo de xeito saudable? Sigue lendo este blog para coñecer as respostas e descubrir novas receitas.

Non, o almorzo non ten por que ser necesariamente a comida máis importante do día nin existen estudos que corroboren esta afirmación. Para lograr unha alimentación sa, temos que procurar gozar de todas as tomas de alimentos ao longo do día, xa que de nada serve obrigarnos a comer cando espertamos se non temos fame.

Do mesmo xeito, é importante que nos deixemos guiar polo que nos apetece no momento. Ao contrario do que a industria alimentaria nos pode facer crer, non é necesario almorzar só con doce: o hummus, os ovos ou o tomate tamén son alimentos que poden formar parte desta rutina. Co leite ocorre algo similar: nin é estreitamente necesario, nin carecemos de alternativas para consumir lácteos.

Entón, que almorzos diferentes e saudables podes preparar polas mañás? Velaquí unhas receitas coas que se che fará a boca auga:

TOSTAS CON REVOLTO DE COGOMELOS

Apetéceche almorzar algo salgado? Pan integral, un ovo, aceite de oliva virxe extra, allo e uns cogomelos é todo o que precisas para elaborar unhas deliciosas tostas. Fai o ovo revolto e saltea os cogomelos co allo, coloca todo sobre o pan tostado e a gozar.

PORRIDGE DE AVEA CON FROITA

A froitas son moi boas aliadas para preparar estas comidas: que tal consumilas nun porridge? Só precisarás quecer un pouco leite e engadirlle uns copos de avea que cociñarás a lume lento para obter unha papa á que lle podes engadir a túa froita favorita e outros condimentos como froitos secos. Agora que chega o verán, tamén o podes consumir frío despois de pasalo pola neveira.

SORBETES DE FROITA

A calor vai protagonizar os vindeiros meses do ano e un almorzo fresquiño pode ser a mellor opción para combatela. Corta uns anacos de amorodos e plátano e méteos no conxelador. Pasadas unhas horas, báteos ata conseguir a textura desexada e xa estaría listo. Por outra banda, tamén podes mesturar as froitas, sen conxelar, cun iogur natural para lograr outra consistencia.

Precisas de máis ideas? A nosa nutricionista Natalia Hospido ofréceche máis receitas nesta ligazón. Non dubides en consultarnos para que o equipo profesional da nosa área de nutrición tamén che axude a preparar un almorzo completo e saudable.

Non deixes que a calor e as vacacións te freen. Continúa adestrando no verán

A chegada das boas temperaturas e os días libres serven a moitas persoas como escusa para deixar o deporte a un lado nesta época do ano. Malia que continuar coa nosa vida activa sexa fundamental para o noso benestar, é certo que debemos tomar unha serie de precaucións atendendo ás condicións propias do verán. Estás disposto/a a dominar o adestramento nos meses do estío? Pois atende a estes consellos:

Un exceso de calor pode resultar moi prexudicial para nós, especialmente se vai en combinación do esforzo propio dunha actividade física. Para evitar riscos, o máis recomendable é non adestrar nas horas nas que fai máis calor, é dicir, entre as 12:00 e as 17:00 horas, aproximadamente.

As horas da mañá ou as últimas da tarde adoitan ser moito mellores para facer exercicio, pero se só podes facelo nas horas centrais, busca lugares con sombra (se practicas deporte no exterior) ou ben ventilados. Do mesmo xeito, non debemos incrementar a intensidade e a duración dos nosos exercicios, en condicións de calor extrema incluso é recomendable rebaixala.

Pero por que resulta tan importante protexernos da calor? Un exceso da temperatura do noso corpo pode derivar nunha insolación ou golpe de calor. Para tratalo, debemos hidratarnos ben e trasladarnos a un espazo fresco, de non facelo podería provocarnos: mareos, desorientación, cansazo extremo, febre, convulsións, desmaios ou mesmo a morte.

En relación á calor, é igual de esencial usar cremas cun factor de protección solar mínimo de 30, aínda que se aconsella o factor 50. Se nos parece lóxico aplicar protección regularmente contra os raios UVA e UVB se imos pasar un día na praia, por que ía ser distinto se facemos exercicio no exterior? Así evitaremos queimaduras e rebaixaremos o risco de padecer cancro de pel.

Por outra banda, a elección da roupa que usamos para adestrar tamén é un factor chave nestas datas. As cores escuras absorben moita calor, polo que utilizar prendas con cores claras e frescas e lixeiras aumentará considerablemente a nosa comodidade.

Por último, e como xa che temos contado, a hidratación é fundamental para refrixerar o noso corpo, repoñer sales minerais e reducir así o risco de lesións. Para iso, non só nos podemos apoiar no consumo de auga e de bebidas isotónicas, a alimentación tamén está aí para axudarnos. Froitas como o melón ou a sandía contan cun alto contido de auga, o que as fai moi boas para recuperar líquidos e absorber vitaminas antes e despois de cada sesión de exercicio.

Estes son os mellores consellos que podes aplicar para non parar a túa actividade física durante o verán. Con todo, se queres evitar calquera risco, na área de adestramento de García e Lestón poderás facer deporte do xeito máis seguro, fresco e cómodo posible en compañía de persoas profesionais.

O diagnóstico na fisioterapia. Que a falta dunha valoración previa non che pase factura

Se cando imos ao oculista, o primeiro que realiza é unha análise do teu problema e da túa calidade da vista, por que ía ser distinto cun/cunha fisioterapeuta?

Na nosa primeira visita a unha persoa profesional da fisioterapia é esencial que este/esta nos faga exploración exhaustiva ou anamnese para poder establecer un diagnóstico que lle permita coñecer o estado do que partimos e as técnicas e ferramentas necesarias para poder aplicar un tratamento seguro e eficaz. De pouco serve non saber o que precisamos para mellorar, polo que partir desta base facilitará o proceso de recuperación.

Que debe avaliar o/a profesional? O certo é que pode comezar este proceso dende que entramos pola porta da consulta. O/A fisioterapeuta observará nun primeiro momento como camiñamos, os xestos que realizamos ou a nosa postura, xa que isto pode achegarlle moita información.

A continuación, é común que nos faga unha serie de preguntas coa finalidade de obter datos que lle poidan resultar de interese para o diagnóstico. Ademais do noso nome, xénero, idade, teléfono de contacto, enderezo ou, evidentemente, motivo da asistencia, precisará coñecer:

  • Antecedentes tanto persoais (se tivemos algunha outra lesión ou se esta é a primeira vez que acudimos a un/unha profesional) como familiares.
  • Actividade laboral.
  • Medicación que estamos a consumir e para que.
  • Doenzas ou operacións previas.
  • Hábitos de alimentación ou de exercicio físico.

Quizais te preguntas para que quere saber cousas que pode que che parezan irrelevantes, pero nada máis lonxe da realidade, a orixe da doenza pode agocharse en moitas das respostas a esas preguntas: non ten o mesmo risco de lesión unha persoa activa que unha sedentaria, certas disfuncións só se dan en idades avanzadas, mesmo o traballo que desenvolvemos pode revelar a fonte do problema (cargar moito peso, estar moito tempo sentados/as, etc.)

Logo disto e de recadar datos sobre a doenza co/coa doente (tipo de dor, duración, situacións nas que aparece ou se existe rixidez), pasará a unha exploración física na que, mediante palpación, valorará:

  • A nosa pel: elasticidade, grosor, sensibilidade…
  • Mobilidade das articulacións.
  • A nosa estrutura ósea: tronco, cadeira, ombreiros, xeonllos…
  • Estado dos nosos músculos.

Ademais, con isto tamén poderá atopar o punto exacto de dor e reproducir os movementos que a causan para enfocar dun mellor xeito a área do noso corpo que precisa da súa atención.

Agora xa coñeces todo o que se agocha detrás dun bo diagnóstico en fisioterapia. Partir dunha boa base é fundamental para atopar o camiño máis seguro e rápido cara a túa recuperación: na área de fisioterapia de García e Lestón témolo máis que claro.

Coñece os teus pensamentos intrusivos. Non lles teñas medo

Algunha vez sentiches que unha idea, xeralmente mala, non se che vai da cabeza, que a súa presenza na túa mente ocupa gran parte do teu día a día e que xera unha sensación de rexeitamento extremo en ti?

Os coñecidos como pensamentos intrusivos son aqueles que non podemos controlar e que son totalmente involuntarios, pero moito ollo: aínda que todos e todas nós podemos experimentalos sen que supoñan un problema, é cando se volven recorrentes e obsesivos cando comezan a ser preocupantes.

Ademais, adoitan estar relacionados co Trastorno Obsesivo Compulsivo, coa ansiedade ou a depresión e poden ter consecuencias moi negativas para o noso benestar mental:

  • Angustia e preocupación
  • Tristeza
  • Illamento social
  • Insomnio
  • Problemas de autoestima

Existen numerosos tipos de pensamentos intrusivos: “Pechei a billa do baño antes de saír da casa?” “E se agora, que vou conducindo, xiro o volante de xeito brusco?” “E se un ser querido meu tivo un accidente?” “E se lle fago dano a alguén da miña familia ou a min mesmo/a?” Estas ideas poden chegar a resultar realmente perturbadoras para quen as está a padecer.

Con todo, debes saber que unha das principais chaves para manexar estes pensamentos e aprender a convivir con eles é ser conscientes de que en absoluto somos o que pensamos.

As persoas que teñen esta clase de ideas adoitan crer que realmente son así ou que van facer o que está roldando pola súa mente. Ao contrario do que poida parecer para o/a doente, a súa aparición está relacionada con aquilo que nós consideramos incorrecto, co que non queremos ser ou non queremos que ocorra.

Estreitamente relacionado con este suceso, atópase unha das causas de que estes pensamentos sexan obsesivos: o desexo de eliminalos. Que rexeitemos de forma tan contundente estas crenzas fai que nos esforcemos por expulsalas das nosas cabezas, o que non conseguirá máis que incrementar a súa presenza. O máis recomendable é aceptar que están aí e que non lles debemos ter medo porque non nos definen. Así, ante a desaparición da preocupación, tamén remataran por marchar estas ideas negativas.

Realizar exercicio de forma frecuente, distraernos con actividades que nos manteñan ocupados/as, fuxir do estrés ou explorar a nosa mente para coñecer a orixe destas preocupacións son outros consellos que podes aplicar para mellorar a situación.

Malia todo, se non consegues xestionar estas ideas sempre é recomendable contar coa axuda dunha persoa profesional da psicoloxía. En García e Lestón temos aos/ás mellores profesionais para lograr que a túa mente non che xogue malas pasadas nin paralice a túa vida.

O consumo de azucre para a nosa saúde. Non edulcores o problema

De seguro que moitas veces escoitaches que as persoas precisamos de azucre para obter enerxía e para manter o noso cerebro activo, pero esta é unha verdade a medias. É realmente necesario para nós? Que efectos ten no noso organismo? Que alternativas existen? É viable deixalo de súpeto? As respostas, a continuación.

Non, o azucre non é o combustible do noso cerebro, é a glucosa, producida polo noso corpo ao inxerir determinados alimentos que non teñen por que ter necesariamente azucre engadido: froitas, verduras, cereais ou legumes, por exemplo.

Esta idea preconcibida de que o azucre é tan indispensable fai que vexamos como algo saudable o consumo de alimentos cun alto contido desta substancia con moitas calorías baleiras e ningunha achega nutricional. De feito, un exceso do mesmo no noso menú diario pode ter moitas consecuencias negativas:

  • Sobrepeso ou obesidade
  • Diabetes
  • Caries
  • Hipertensión
  • Doenzas cardiovasculares

Ademais, o azucre pode contribuír a que os nosos ósos se debiliten e perdan masa, favorecendo o risco de sufrir fracturas. Do mesmo xeito ocorre cos nosos músculos, cuxa recuperación se pode ver afectada ante unha alta presenza deste alimento no noso corpo: esquécete do vaso de auga con azucre despois dos adestramentos! Por outra banda, tamén pode prexudicar ao noso benestar psicolóxico, estando relacionado co risco a padecer problemas de memoria, adicción, ansiedade ou mesmo depresión.

Xa tes claro que tomar moito azucre non é positivo en ningún caso, pero cal é o seguinte paso para cambiar os teus hábitos? O máis inmediato é pensar no corte total e absoluto desta substancia no teu día a día, pero isto é un erro absoluto. O cambio debe ser progresivo, se non, é probable que non goces do que estás a comer e que, finalmente, non sexas capaz de deixalo: o noso padal necesita adaptarse a estes novos sabores menos doces.

Como conseguilo? Aplica pequenos cambios nos alimentos que tes na túa despensa: merca un chocolate un pouco máis puro, sen tanta porcentaxe de azucre, pero non vaias ao extremo. Sigue o mesmo consello con outros produtos como os iogures ou o pan de molde, sempre de xeito gradual.

Con todo, non debes caer na trampa dos edulcorantes artificiais como substitutivos do azucre, como a sacarina. É moito mellor para a nosa saúde recorrer a alimentos naturais e non procesados, como o plátano, ideal para cociñar as sobremesas. Se precisas de inspiración para elaborar os teus doces de xeito saudable, a nosa nutricionista Natalia Hospido dáche as mellores receitas neste enlace.

Agora que coñeces as chaves do cambio, atréveste a facelo? Coa axuda do equipo profesional da área de nutrición de García e Lestón, o camiño será moito máis doado.

Exercicio físico para a Fibromialxia e Síndrome da Fatiga Crónica. Un aliado a ter en conta?

O exercicio físico sempre está aí para axudarnos a mellorar a nosa condición física e mental e darnos un empuxón na nosa calidade de vida. Tanto é así, que o deporte tamén se converte nunha ferramenta moi útil para axudar a paliar os efectos de doenzas como a Fibromialxia e a Síndrome da Fatiga Crónica. Queres coñecer como? Sigue lendo.

Aínda que moitas persoas poidan confundilas e a pesar de ter algúns síntomas en común, estas son dúas doenzas diferentes, cada unha cos seus efectos:

A Síndrome da Fatiga Crónica, como o seu nome indica, caracterízase por un cansazo extremo e persistente no tempo, facendo que o/a doente presente problemas á hora de realizar as súas actividades diarias de xeito normal.

A súa principal diferenza con respecto á Fibromialxia reside na dor, esta segunda doenza fai que a persoa que a padece teña unha dor crónica e xeneralizada que afecta, principalmente, ao aparato locomotor.

Malia todo, ambas teñen efectos semellantes:

  • Dores de cabeza.
  • Insomnio.
  • Depresión.
  • As dúas preséntanse máis en mulleres que en homes.
  • A sensación de cansazo tamén pode ser tamén unha consecuencia da Fibromialxia.

Que papel xoga, entón, o exercicio físico para estas doenzas? Cómpre aclarar que determinar o estado e as capacidades do/a doente previamente por un ou unha profesional é algo fundamental, posto que hai persoas, especialmente coa Síndrome da Fatiga Crónica, para as que realizar deporte pode ser realmente complicado.

Para comezar, debemos ser conscientes de que temos que iniciarnos na actividade de forma progresiva. Moitos e moitas doentes destas enfermidades rexeitan por completo facer exercicio nas primeiras fases da mesma, situación empeorada polo malestar psicolóxico. O certo é que, ao adestrar, estaremos mellorando a resistencia, a flexibilidade ou a forza, condicións que serán peores nestas persoas pacientes debido ao seu sedentarismo.

Así, os exercicios aeróbicos poden axudar a unha certa diminución da dor e da fatiga. Comeza por saír a camiñar uns 10 minutos e ir incrementando ese tempo pouco a pouco e ao longo dos días. Bailar, montar en bicicleta estática ou a natación tamén poden ser actividades que nos axuden a mellorar os síntomas.

Tampouco debemos esquecernos do adestramento de forza. Fortalecer os nosos músculos fará que as actividades cotiás, como subir unhas escaleiras, sexan un pouco máis doadas. Do mesmo xeito, os exercicios de flexibilidade serán útiles para combater a rixidez.

Practicar un pouco de actividade física (na medida do posible) tamén terá un impacto positivo sobre o benestar mental, mellorando o estado de ánimo e incluso a calidade do soño.

Con todo, volvemos lembrar que o acompañamento por parte dunha persoa profesional que avalíe a viabilidade dos exercicios é completamente necesario para estes/as doentes. En García e Lestón temos aos mellores equipos de fisioterapia e adestramento para guiarte en todo o proceso.

Non deixes que o teu día a día se paralice. Como nos axuda a fisioterapia para o estrinximento?

Algunha vez paraches a pensar cantas veces vas ao baño ao longo do día? Sentes que son poucas ou que che custa moito esforzo expulsar as feces? O estrinximento pode supoñer un grande obstáculo nas nosas rutinas e traer consecuencias moi negativas para o noso benestar. Cando temos que comezar a preocuparnos? Que efectos pode ter para a nosa saúde? Que papel xoga a fisioterapia para esta doenza? Sigue lendo este blog e descubre as respostas.

Malia que o estrinximento é algo polo que pasamos case todas as persoas de forma transitoria, existen sinais que nos poden indicar que estamos a padecer un estrinximento crónico: se defecamos menos de tres veces á semana e se, de facelo, as deposicións son secas, duras e en pouca cantidade.

Que pode ocorrer se isto se alonga no tempo?

  • Perdas de ouriño
  • Gases
  • Inflamación abdominal
  • Dores
  • Aparición de hemorroides

En casos extremos pode incluso xerar náuseas, falta de apetito, apatía ou mesmo confusión.

Algunhas das causas máis relacionadas coa súa aparición residen nunha baixa presenza de fibra na alimentación, no consumo de pouca auga, na falta de exercicio físico ou tras un parto, pero tamén inflúen os factores psicolóxicos como o estrés.

Dende a fisioterapia, pódese abordar o tratamento do estrinximento sen utilizar terapias invasivas. Deste xeito, adestrar o noso solo pélvico será útil para acadar un ton muscular que nos permita evitar problemas á hora de expulsar as nosas feces. Así, o/a fisioterapeuta tamén poderá ofrecer técnicas e consellos para relaxar o esfínter, empuxar correctamente ou manter unha boa postura á hora de ir ao baño. Neste sentido, situar unha banqueta debaixo dos nosos pés e manter as nosas costas dereitas colocaranos nun ángulo que facilitará a evacuación.

Outro recurso a ter en conta é a masaxe abdominal. Este tratamento busca facilitar o movemento do intestino mediante a aplicación dunha pequena presión no abdome. Coa persoa doente coas pernas estiradas, comézase a facer unha masaxe de intensidade progresiva e con movementos circulares. Para que esta técnica sexa máis efectiva recoméndase que o/a doente beba un vaso de auga e non consuma alimentos nas dúas horas previas á súa realización.

Agora que xa sabes que a fisioterapia é unha moi boa aliada, ¿por que non recorrer a ela se é necesario? En García e Lestón contamos cun equipo de profesionais fisioterapeutas para que o estrinximento non se converta nun pesadelo.

A importancia da soidade. Aprende a pasar tempo contigo mesmo/a

Na sociedade actual na que todos e todas estamos tan conectados/as, semella que a palabra “soidade” é algo que transmite sensacións negativas. Con todo, esta crenza non ten por que ser certa. No blog de hoxe explicámosche por que é tan importante aprender a gozar de estar sos e soas e como conseguilo.

Establecer relacións con outras persoas é algo inherente ao ser humano e esencial para desenvolvernos e aprender a convivir en sociedade. Con todo, existe tal afán por atoparse en constante interacción coa xente que moitas veces nos esquecemos de pasar tempo con nós mesmos e mesmas e incluso chegamos a rexeitar esta idea.

Estar en soidade é moi importante para manter un diálogo interno contigo mesmo/mesma. Canto te coñeces realmente? Moitas persoas buscan ter compañía en todo momento porque o feito de non ter estímulos que os/as distraian dos seus propios pensamentos lles resulta incómodo, chegando incluso a sentir ansiedade. Isto pode derivar en moitas consecuencias negativas:

  • Depender constantemente de que os teus amigos/as familiares ou parella estean dispoñibles para ti.
  • Aceptar plans cos que non te sentes a gusto simplemente por estar con outras persoas.
  • Esgotamento, estrés e ansiedade pola cantidade de actividades que realizamos para estar con outra xente.
  • Outorgarlle máis valor ás malas compañías que á soidade ou aceptar malas condutas nas nosas relacións para que estas non se rompan.

Respecto a este último punto, cómpre dicir que o feito de antepoñer calquera relación á soidade pode provocar que as persoas que rexeitan estar sos/soas busquen de forma excesiva unha validación por parte dos e das demais, modificando a súa forma de comportarse e expresarse.

E é que pasar tempo a soas non só nos permite explorar a fondo os nosos pensamentos, coñecernos mellor, afondar nos nosos gustos ou nas nosas ambicións, tamén nos axudará a parar ese ritmo frenético que adoitamos levar para poder tranquilizarnos. Coa calma, tamén chegará un impulso á nosa creatividade e eficiencia entre outros beneficios.

Como logralo? Se sentes que a idea de estar en soidade che produce moito rexeitamento, comeza pouco a pouco. Busca actividades que poidas realizar sen compañía de ninguén e cas que te sintas a gusto: ler, pasear, ver unha película, etc. Tamén podes probar a ir ao cine só/soa ou mesmo a saír a comer.

Con todo, esta tarefa pódese facer moi dificultosa para moitas persoas. Se é ese o teu caso, na nosa área de psicoloxía temos ao mellor equipo para axudarche a gozar un pouco máis da túa propia compañía.

Consumo sostible e responsable. Es consciente do que comes?

Evitar comprar máis produtos do necesario, aforrar en auga ou enerxía… Cantas veces na túa vida oíches falar dun consumo responsable e sostible? A teoría parece sinxela, pero a práctica pode supoñer toda unha incógnita. Coñeces realmente as chaves dunha alimentación consciente coa contorna na que vivimos? Descúbreo neste blog.

Para comezar, debes saber que o consumo responsable na alimentación ten moitas caras:

  • Busca xerar o menor impacto posible sobre o medioambiente.
  • É consciente da realidade social e ten en conta os dereitos humanos que se poidan ver afectados na elaboración dun produto a consecuencia da explotación, por exemplo.
  • Aposta por non gastar moitos recursos naturais.
  • Axuda a manter unha alimentación saudable e equilibrada.
  • Resulta sostible tamén para a nosa economía.

Todo isto conséguese a través dos nosos hábitos de consumo. Que podemos facer dende a nosa cesta da compra e menú diario? Mercar alimentos ecolóxicos terá un menor impacto para o planeta, iso é evidente. Con todo, non debemos deixarnos levar exclusivamente por esta condición.

Neste sentido, resulta moi importante prestar atención ao etiquetado da comida. Mercar produtos de procedencia local sempre será mellor para o medioambiente. De pouco serve optar por un produto ecolóxico procedente doutras partes do planeta se a pegada que xera o uso de combustibles para o seu transporte é moi grande.

En relación a isto, apostar polos produtos de tempada tamén será máis sostible. Hoxe en día podemos gozar de calquera alimento en calquera momento do ano. Con todo, se consumimos amorodos de febreiro a maio, atoparémonos cun produto máis saboroso, de mellor calidade e máis respectuoso coa contorna ao ser producido de forma local e non trasladado doutros lugares.

O ideal neste caso sería planificar o menú tendo en conta os alimentos que están de tempada. Como podo saber isto? Aquí un consello: adoitan ser aqueles que atopas en maior abundancia e a menor prezo. Así, verás que a mandarina se dá moito nos primeiros e últimos meses do ano, ao igual que a mazá. As sandías ou as cereixas, pola contra, atoparanse máis dispoñibles en meses calorosos como maio, xuño, xullo ou agosto.

Por último, non esquezas que menos é máis. Cando vaias facer a compra, non merques máis comida da que vaias usar, deste xeito evitarás un posterior desperdicio da mesma.

Con estes consellos xa non tes escusa. A que agardas para mudar os teus hábitos cara un consumo máis consciente e comprometido? Se necesitas axuda neste ou en calquera outro ámbito da túa alimentación, en García e Lestón contamos con grandes profesionais na nosa área de nutrición para facerche este camiño un pouco máis sinxelo.