Alimentación e saúde mental. Máis relacionadas do que cres

É ben coñecido por todos e todas que a chave de ter unha boa saúde reside en poñer atención e coidado a moitos aspectos do noso día a día, pero cando pensamos na alimentación, relacionámola inmediatamente co benestar físico. Sabías que o benestar emocional e psicolóxico dialoga máis do que parece cos nosos hábitos alimentarios? Contámoscho no blog de hoxe.

Unha das razóns polas que o xeito no que nos alimentamos é importante para unha boa saúde mental reside no cerebro e no sistema nervioso. O cerebro necesita de moita enerxía para realizar as súas funcións e, para iso, precisamos darlle ao noso corpo os nutrientes necesarios para manter estes órganos en bo estado e evitar o desenvolvemento dalgunha patoloxía.

E é que unha boa nutrición é esencial para evitar calquera problema físico que poida afectar á nosa saúde psicolóxica. Por exemplo, unha mala alimentación pode contribuír a que padezamos insomnio, a que se deteriore a nosa memoria ou á aparición de doenzas graves ou crónicas, como certos cancros, cuxa loita ou tratamento pode ter efectos negativos sobre o benestar mental.

Se poñemos atención aos casos e estudos, algúns deles atoparon evidencias de que unha alimentación mediterránea e rica en verduras pode axudar a evitar factores de risco propios da ansiedade. Do mesmo xeito, a carencia de certas vitaminas como a B12 é común en algunhas persoas con depresión, nas cales tamén se observou unha relación directa co consumo excesivo de graxas saturadas.

E pola parte contraria? Pode a saúde mental afectar á nosa alimentación? O certo é que si, e neste caso compre falar dos TCA ou Trastornos da Conduta Alimentaria. A ansiedade, a baixa autoestima ou a inseguridade poden repercutir sobre a nosa relación coa comida, provocando que a persoa que o padece apenas coma ao longo do día ou que o faga de forma excesiva, entre outras consecuencias.

Como podes comprobar, a nosa nutrición non só é fundamental no coidado do corpo, tamén no da mente. De todos xeitos, debemos ser conscientes de que aínda que axuda a evitar factores de risco, a alimentación non é unha ferramenta que por si mesma cure doenzas psicolóxicas, polo que sempre debemos acudir a un/unha profesional da saúde mental.

Con todo, se queres comezar a coidar a túa relación cos alimentos que consumes no teu día a día e minimizar os riscos de desenvolver calquera tipo de doenza, ben sexa física ou psicolóxica, na nosa área de nutrición podémosche axudar a conseguilo.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *