Adestramento por intervalos de alta intensidade (HIIT). Mellor que o cardio convencional?

Que buscas cando adestras? Ante esta pregunta, as persoas podemos indicar múltiples respostas: haberá quen queira que a súa rutina de exercicios sexa o máis eficiente posible, outras persoas decantaranse pola seguridade e a constancia, outras pola rapidez… Ante obxectivos distintos, os métodos tamén deben ser diferentes.

Probablemente tes escoitado en moitas ocasións as siglas HIIT. En que se basea este adestramento? É mellor que o cardio convencional? É realmente tan beneficioso? As respostas, neste blog.

HIIT son as siglas en inglés de Adestramento por Intervalos de Alta Intensidade. Como o seu nome indica, estamos a falar dunha rutina de exercicios fraccionada, que combina momentos de máximo esforzo con momentos de descanso. Así, podemos realizar unha serie de sprints a máxima potencia que duren 15 segundos, alternado con descansos de, aproximadamente, 45 segundos nos que podemos repousar completamente ou camiñar, por exemplo.

Que conseguimos con isto? Para comezar, o HIIT é ideal se queres queimar graxa e non contas con moito tempo, xa que, debido á súa alta intensidade, o recomendable é que estes adestramentos non se alonguen máis dos 15 ou 20 minutos.

Por outra banda, mellorará a nosa saúde cardiovascular, axudando a reducir a presión arterial e a frecuencia cardíaca. Ademais, prodúcese un aumento considerable do noso rendemento, posto que adapta o noso corpo para unha mellor utilización do osíxeno, co que gañaremos resistencia, velocidade e mesmo axilidade.

A simple vista, o adestramento de HIIT pode parecer o método de facer exercicio definitivo, posto que en moi pouco tempo conducimos ao noso corpo a esa ampla gama de beneficios. Con todo, non ten por que servir para todo o mundo, pois tamén ten os seus contras.

Así, desaconséllase para aquelas persoas que padezan unha doenza cardiovascular e para as que non estean acostumadas ao exercicio físico debido á grande intensidade necesaria para realizar esta actividade. Ademais, a rapidez, as repeticións e os movementos explosivos que facemos durante este adestramento poden derivar en lesións no caso de non estar o suficientemente preparados/as.

Neste sentido, o cardio convencional é máis recomendable para aquelas persoas que queiran adaptarse ao esforzo requirido para o HIIT ou para “descansar” destas sesións, posto que só se deberían facer entre 3 ou 4 días á semana e de xeito alterno.

Agora que xa coñeces todo sobre este adestramento por intervalos de alta intensidade, consideras que é para ti? Se precisas prepararte fisicamente para este e outro tipo de actividades, o equipo profesional das nosas áreas de adestramento e fisioterapia axudarache a poñerte a punto!

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *