A INTOLERANCIA Á FRUSTRACIÓN: UNHA BOMBA DE RELOXERÍA

Todas as persoas facemos plans de futuro que desexamos que funcionen ben, pero os desexos non sempre se cumpren. Cando algo non sucede como nós ideamos, frustrámonos e, malia que sexa unha reacción normal, pode supoñer un problema.

Cando a frustración xerada por un resultado ou situación que nos desgusta causa un malestar excesivo, afecta á nosa contorna e torna nun sentimento constante, é cando podemos afirmar que temos unha intolerancia á frustración.

As persoas con baixa tolerancia á frustración teñen unha maior sensibilidade ao que lles resulta pouco agradable. A incomodidade, os contratempos ou as trabas son os inimigos máis comúns de quen padece esta condición. Ademais, estas persoas  presentan certas crenzas irracionais, uns pensamentos que xorden de forma automática e provocan sentimentos negativos que, polo xeral, son drásticos e dramáticos. Unha destas ideas máis comúns é que, se non se consegue o que se propón ou o resultado non é o agardado, as consecuencias serán horribles.

Por suposto que todos e todas nos podemos sentir decepcionados co resultado ou final dunha situación. Non obstante, a intolerancia á frustración pode ter consecuencias graves para o desenvolvemento persoal e para a propia saúde, tanto física como mental. Polo xeral, as persoas con intolerancia á frustración presentan un síntomas ou comportamentos comúns:

  • Negación da realidade ou autoengano.
  • Dificultade para diferenciar desexo de necesidade.
  • Tendencia a controlar todos os aspectos da súa vida.
  • Ansiedade, tristeza ou nerviosismo
  • Medo ao fracaso.
  • Baixa tolerancia á incerteza e pouca paciencia.
  • Nos casos máis graves, pode causar algún tipo de adición.
  • Conflito coas persoas que non actúan do mesmo xeito ou impiden a consecución dos desexos propios.

Cando a situación torna complicada, debemos pedir axuda profesional. Mediante a psicoloxía, trátase de aprender a xestionar os momentos desagradables e a ter un coñecemento sobre as nosas propias emocións.

Para tratar a intolerancia aos malos resultados, pódense levar a cabo varios tipos de técnicas. En primeiro lugar, temos a psicoanálise e a psicoterapia, que explora a orixe do problema e busca poñerlle fin. Na terapia cognitivo – condutual aplícanse unhas novas formas de actuar, é dicir, identificar o que estamos a vivir e aprender a como levalo. O mindfulness axuda tamén a aceptar as situacións negativas, así como calmar a ansiedade e a practicar a paciencia. Por último, as técnicas proxectivas como a caixa de area son métodos liberadores que permiten traballar de forma segura.

É normal pasar por momentos máis complicados e sentir certa frustración cando algo non sae como queremos. Non obstante, cando os pensamentos negativos invaden a nosa vida cotiá, debemos buscar unha solución e da man dunha persoa experta é moito máis sinxelo. Non teñas medo a poñerlle fin ás túas doenzas.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *