MOTIVACIÓN OU DISCIPLINA. CAL É A CHAVE DO ÉXITO?

Xaneiro é o mes de establecer novos obxectivos e do comezo dos cambios. Por iso, sabemos que este ano 2023 queres facer máis deporte e ter unha vida moito máis activa. Seguro que nestas datas tes moita motivación por lograr os teus propósitos pero, para conseguilo, abonda con ese estímulo? Onde queda a disciplina?

A motivación é un aspecto que está máis relacionado coas emocións que nos provoca realizar algunha tarefa e acadar os seus resultados. Pola contra, a disciplina está asociada coa razón, pois, malia que non teñamos ganas, vemos a tarefa como algo que debemos cumprir.

Con isto non penses que a motivación non é importante. Este sentimento é algo intrínseco a nós e unha ferramenta da nosa mente indispensable para facilitar a nosa adaptación aos cambios. Non obstante, a motivación non se sostén por si soa e somos nós os/as encargados/as de reforzala.

Pola súa banda, a disciplina é o compromiso por realizar e cumprir un traballo, xa sexa físico ou mental, para o cal é necesaria a persistencia, a vontade e unha boa planificación.

Unha das vantaxes da disciplina é que pode facer que acabe aparecendo a motivación. Ter esta educación á hora de adestrar provocará que xeremos unha rutina e que poidamos ver pouco a pouco como logramos os nosos obxectivos, causando así unha sensación de satisfacción co noso traballo.

Con todo, a disciplina pódese adestrar. Como?

  • Márcate logros a curto prazo para aumentar a sensación de avance na túa tarefa.
  • Facilita os pasos previos ao teu adestramento: se fas exercicio pola mañá, por exemplo, podes deixar a roupa preparada do día anterior.
  • Crea unha rutina para espertar a unha hora que che permita facer deporte, traballar e realizar as distintas actividades do teu día a día con tempo.
  • Establece horarios cada día da semana para ir a adestrar e ten en conta sempre os descansos.

Podemos dicir, polo tanto, que para alcanzar o éxito é tan necesaria a motivación como a disciplina. Sen a primeira, nunca chegaremos a querer o cambio e sen a segunda, non seremos capaces de cumprir as nosas metas. En García e Lestón podemos ofrecerche un servizo integral de saúde coas nosas áreas de fisioterapia, adestramento, nutrición e psicoloxía para axudarche no teu camiño cara unha vida saudable.

FISIOTERAPIA: UNHA AXUDA NON INVASIVA PARA LOITAR CONTRA A ESCLEROSE MÚLTIPLE

É posible que non a coñezas en profundidade, pero a esclerose múltiple afecta a case tres millóns de persoas no mundo.

Esta doenza neurodexenerativa e autoinmune é progresiva e afecta ao sistema nervioso central, provocando que o sistema inmunitario ataque a cuberta protectora dos nervios, a mielina. Hoxe contámosche en que consiste e como poden axudar os tratamentos da fisioterapia.

A esclerose múltiple non repercute en todas as persoas da mesma forma, pois depende de cales sexan as fibras nerviosas afectadas. Polo xeral, os síntomas están relacionados co movemento, cun maior entumecemento ou debilidade das extremidades, coa sensación de choques eléctricos con certos movementos -principalmente do pescozo-, tremores, falta de coordinación e marcha inestable. Do mesmo xeito, esta doenza pode provocar cansazo, mareos, problemas coa función sexual, a vexiga e os intestinos.

Ata o momento, non dispoñemos dunha cura completa para a esclerose múltiple, polo que os tratamentos están destinados a atrasar a progresión dos síntomas. A fisioterapia axuda a aliviar a dor e a mellorar a función física de forma non invasiva e de xeito personalizado, combinando exercicios, estiramentos e terapia manual.

Ademais, achega unha serie de beneficios:

  • Mellorar a forma de camiñar.
  • Permitir aprender a adaptarse aos cambios físicos.
  • Recuperar habilidades.
  • Desenvolver a forza e a resistencia.
  • Aliviar síntomas específicos como os espasmos.
  • Aumentar o rango de movemento e flexibilidade.
  • Aprender a utilizar correctamente os dispositivos de apoio como scooters ou bastóns.

Por outra banda, a estimulación eléctrica é útil para causar unha contracción muscular e así producir movemento funcional. Así mesmo, o pilates terapéutico axuda a mellorar o control da postura e a estabilidade.

Como ves, a fisioterapia pode ser unha grande axuda dende o primeiro diagnóstico ata unha situación de esclerose múltiple avanzada. En García e Lestón contamos co mellor equipo para axudarche a ter unha maior calidade de vida.

NON DEIXES QUE AS COMIDAS DESTAS FESTAS LLES PASEN FACTURA EMOCIONAL AOS TEUS SERES QUERIDOS

Estamos a piques de rematar o Nadal, unha das épocas máis bonitas e especiais. Non obstante, estas datas tamén poden ser un pesadelo para moitas persoas que padecen un Trastorno da Conduta Alimentaria (TCA).

Unha festividade marcada polas abundantes comidas e ceas son unha gran preocupación para as persoas que sofren este trastorno e nós temos un papel moi importante nas súas vidas. Pode que nos últimos días viras como achegados/as a ti pasaban por esta situación, polo que neste blog ímosche contar que podes facer ti para axudalos/as.

O primeiro que debemos facer é ter empatía pola eles/elas e comprender que o seu trastorno é algo real, importante e que afecta a súa saúde tanto física como mental. Neste sentido, debemos coidar a forma na que nos comunicamos coa persoa doente, non obrigala a comer ou a deixar de facelo e evitar cuestionala con preguntas que poden ser incómodas sobre a súa relación coa comida e o seu comportamento ante esta.

As épocas de Nadal, por exemplo, están protagonizadas por xuntanzas multitudinarias nas que se poden escoitar comentarios que, malia que poidan non ter unha mala intención, repercuten negativamente sobre as persoas con TCA. Cal é o noso consello?

Evita calquera opinión acerca do seu corpo ou o de outros/as, das dietas, da cantidade de comida sobre a mesa ou do exercicio como ferramenta para compensar os excesos destas datas. Coidar a nosa linguaxe é fundamental para calquera tipo de relación social, pero no caso das persoas cun trastorno alimentario, cobra máis importancia, posto que poden desencadear nelas comparacións ou obsesións. Pola contra, é moi favorable que destaquemos aptitudes ou calidades súas fóra do aspecto físico, facerlle saber que nos sentimos orgullosos/as do seu proceso de curación, dos seus avances e o seu esforzo e traballo constante.

Do mesmo xeito, procura propoñerlle plans que non teñan que ver coa alimentación: ir ao cine en familia, pasear, ver as luces de Nadal da cidade… todas son actividades que poden distraer á persoa doente e facer que se esqueza momentaneamente dos pensamentos negativos que roldan pola súa mente.

Padecer un Trastorno da Conduta Alimentaria é todo un reto os 365 días do ano, pero especialmente nestas datas. Non dubides en contar con apoio profesional se te atopas nesta situación ou queres axudar a alguén e non sabes como. En García e Lestón temos ao mellor equipo no ámbito da psicoloxía para todo o que precises.

Remata o ano, non o teu coidado. Prepara unha cea saudable en Noitevella

Estamos a piques de rematar o ano, xuntarnos coas nosas familias para comer as doce uvas e poñerlle fin aos retos que nos propuxemos en xaneiro. Con todo, hai algo que non debe rematar este 31 de decembro: os nosos hábitos saudables. Sabemos que unha das grandes preocupacións nestas datas son as comidas. Por iso, hoxe traémosche unhas recomendacións para que a túa cea de fin de ano sexa o máis equilibrada posible.

Nunha cea tan importante e popular, é moi común comezar cuns entrantes. Por que non optar por uns aperitivos saudables á vez que atractivos? Podes probar con un pouco de queixo fresco cun tartar de froitas como aguacate ou mazá. Ademais da súa facilidade á hora de elaboralo, este prato achega ao noso corpo potasio, calcio, vitamina D, graxas, antioxidantes e ten unha gran cantidade de proteína, que axuda a saciar a nosa fame.

Seguindo por orde, os primeiros pratos caracterízanse por ser pouco abundantes, polo que podemos optar por cremas de hortalizas, como a cabaza, que nos achega ferro e vitamina A, ou ben algo máis típico do Nadal, como os mexillóns e as gambas, que teñen alto contido de omega 3, potasio, calcio e ferro.

O segundo prato ou prato principal é, habitualmente, o que máis nos sacia. Por iso, debemos partir de alimentos que conteñan unha gran cantidade de nutrientes. Os dous grandes titáns entre os que adoitamos decidir son a carne e o pescado. Dentro do segundo temos algunhas opcións como a robaliza ou o peixe sapo.

Se optamos pola carne, debemos ter en conta o tipo, o corte e a súa preparación. É preferible evitar o cordeiro, as aves con pel e os cortes de costelas, costeleta e o entrecosto. Unha boa opción é o solombo de porco, un corte de carne magra, de fácil dixestión, económico para o noso peto e que se pode combinar con outros alimentos como cunha salsa de uvas ou con cebolas e castañas. Outra alternativa infalible é o polo e o pavo asado.

Por último, temos as sobremesas: proba cunha torta de queixo sen azucres engadidos, bombóns xeados, froita, améndoas ou iogur natural. Con todo, é importante que non nos castiguemos se, nestas datas, comemos de forma moi puntual algo de turrón ou polvoróns, pero para coidar da nosa saúde debemos restrinxir o seu consumo o máximo posible.

Este 31 de decembro remata o ano por todo o alto e non botes abaixo todos os hábitos saudables nos que estiveches a traballar. En García e Lestón temos ao mellor equipo en nutrición para que unha alimentación completa sexa posible calquera día do ano.

O FRÍO NON TEN POR QUE SER UN IMPEDIMENTO. ADESTRA NESTE NADAL E DURANTE O INVERNO

Chega o Nadal, o frío, as comidas familiares, o turrón e as ganas de quedar sentado/a no sofá vendo unha película. Para moita xente, estas datas son sinónimo de deixar todo atrás.

A actividade física debe ser algo fundamental no noso día a día para poder manter unha vida saudable e non facela pode afectar gravemente á nosa saúde. Non deixes que a preguiza e as baixas temperaturas gañen esta loita! De facelo, podes sufrir as consecuencias. Contámoscho neste blog.

Levar unha vida sedentaria pode facer que perdamos masa muscular e resistencia, que se debiliten os nosos ósos, o metabolismo vese afectado, o sistema inmunitario é menos efectivo, a circulación do sangue empeora, o corpo pode chegar a desenvolver un desequilibrio hormonal, etc. Ademais disto, aumenta o risco de padecer doenzas como a obesidade, infartos, presión e colesterol altos, accidentes cerebrovasculares, diabetes tipo 2, algúns tipos de cancro como o de colon, seno ou útero, osteoporose ou mesmo depresión e ansiedade.

Ademais, aínda que busquemos escusas para non saír da nosa casa a movernos polo frío, facer deporte nestas baixas temperaturas (sempre que non sexan extremas) ten unha serie de beneficios para nós.

  • Axúdanos a reforzar o noso sistema inmunolóxico ao aumentar o número de leucocitos e granulocitos.
  • Favorece á nosa capacidade cardiovascular, cardiopulmonar e o desenvolvemento dos músculos, posto que o noso corpo debe mellorar o seu rendemento para adaptarse ao frío.
  • Practicar deporte en inverno fai que esteamos máis hidratados que en épocas de calor. De todos xeitos, sempre debemos manter unha boa hidratación cando realizamos algún tipo de actividade física.
  • Ao facer exercicio nesta época do ano, comezamos a crear unha rutina positiva e chegamos nunha boa condición física aos meses máis calorosos. Ter a costume de realizar actividade física fará que na época de verán, non nos custe tanto movernos.
  • Con todo, lembra sempre utilizar prendas que te protexan do frío e che axuden a manter unha boa temperatura corporal para evitar padecer hipotermia, quece os teus músculos e estira antes e despois de cada adestramento, respectivamente.

Traballar cara unha vida saudable debe ser un obxectivo do día a día. En García e Lestón contamos co mellor equipo de profesionais no ámbito do adestramento para facer desta tarefa algo máis sinxelo.

QUE A CEFALALXIA NON TE TRAIA DE CABEZA. APÓIATE NA FISIOTERAPIA

As dores de cabeza poden estragar un bo día en máis ocasións das que nos gustaría,  impedindo traballar e vivir con comodidade. Na maioría dos casos, estas molestias non agochan ningún tipo de doenza, pero é preciso controlalas para que non rematen afectando á nosa rutina. Queres saber que papel xoga a fisioterapia nese proceso? Permanece atento/a.

Para comezar, é preciso que identificamos os distintos focos de dor dunha cefalalxia. O máis común é sentir que o malestar se produce na fronte e ao redor dos ollos, tendo a súa orixe no sistema oculomotor. Tamén é habitual que afecte á caluga e aos laterais da cabeza, esta dor vén da zona cervical e debemos prestarlle moita atención. Cómpre saber diferenciar estes dous casos das xaquecas, que veñen acompañadas doutra sintomatoloxía como náuseas e cambios na visión.

A ansiedade e o estrés son as causas máis comúns deste tipo de doenza, pero tamén poden vir provocadas por malas posturas á hora de traballar ou durmir, pola tensión nos dentes ou na mandíbula, o consumo de alcohol, tabaco e cafeína, arrefriados e gripes, esforzos físicos que supoñan un mal movemento ou, simplemente, cansazo.

Como podemos poñerlle fin de xeito natural? A fisioterapia é a resposta. O máis habitual é que a persoa profesional neste campo, poida identificar que é o que nos está provocando esa dor. Unha vez analizada a causa, decidirase a técnica a utilizar para tratala. Entre as máis comúns temos:

  • Terapia manual: coa realización de masaxes, manipúlase o tecido muscular, óseo e fascial, buscando a reactivación dos mecanismos de rexeneración do noso corpo e desta zona en concreto.
  • Punción seca: mediante a cal se atravesa a pel cunha agulla para eliminar os puntos de gatillo ou de dor e estimular a rexeneración do tecido danado. É moi útil para as dores de cabeza que son causadas pola tensión muscular.
  • Estiramentos: unha serie de exercicios e movementos que activan a zona para reducir a tensión muscular e, polo tanto, a dor.
  • Diatermia: consiste na aplicación de calor na parte afectada, contribuíndo así a relaxación e alivio da molestia na cabeza ou mesmo no pescozo. Ademais, favorece a circulación e a mobilidade.

Padecer cefalalxia é moi común, especialmente nas vidas tan ocupadas e rápidas que levamos hoxe en día. Con todo, como ves, poden ter unha solución simple e efectiva. En García e Lestón contamos coas mellores persoas profesionais no ámbito da fisioterapia que poden axudarche a poñerlle fin.

COMO PODO MELLORAR A MIÑA COMUNICACIÓN? ACTIVIDADES E XOGOS PARA OBTER MÁIS HABILIDADES

No noso día a día estamos continuamente relacionándonos coa xente que nos rodea, cos nosos/nosas conviventes, coas persoas que traballan nos establecementos ou cos nosos compañeiros e compañeiras de oficio. Por iso, saber comunicarse é fundamental para o noso desenvolvemento persoal e profesional.

En primeiro lugar, antes de coñecer como podemos mellorar a nosa comunicación, é preciso saber cal é a forma máis efectiva de facelo. Ser asertivo/a é ideal se non queremos caer na agresividade ou na pasividade á hora de expresarnos e para transmitir os nosos desexos, opinións e emocións de xeito honesto á vez que prestamos atención á persoa coa que falamos.

Con todo, existen certos pasos que podemos cumprir para mellorar o xeito no que nos relacionamos cos demais: aprender a escoitar, reflexionar o que imos dicir antes de expresalo, permitir ás persoas falar antes, establecer contacto visual con quen estamos a comunicarnos e realizar preguntas.

Pero, é posible ir un paso máis alá? Cunha serie de exercicios podemos potenciar a nosa capacidade de comunicación e tomar conciencia dos nosos erros e das nosas fortalezas para, posteriormente, aplicar esa información nas nosas relacións:

  • Os xogos de rol: neles interpretamos o papel doutra persoa (presente ou non) ou mesmo dun personaxe de ficción co obxectivo de comprendelo/a, entender os seus pensamentos, sentimentos e súa forma de actuar. Con este exercicio, desenvolvemos a nosa empatía e a escoita activa.

 

  • Fixarse en como comunican outras persoas da nosa contorna ou en medios e películas permitiranos analizar se as súas técnicas son ou non eficaces e aplicar o que aprendamos no noso día a día.

 

  • Pedir feedback: ter unha opinión externa sempre é beneficioso, axúdanos a saber cales son os aspectos a mellorar da nosa comunicación e cales son os que mellor funcionan.

 

  • Practicar fronte ao espello: ver a nosa forma de expresarnos e o noso movemento físico é esencial para observar e cambiar todo aquilo que non nos guste.

O camiño para mellorar as nosas habilidades comunicativas pode ser longo, mais comezalo é un gran paso para cumprir metas persoais, profesionais e sociais. O equipo da área de psicoloxía de García e Lestón axudarche en todo o posible para logralo.

Todo sobre os carbohidratos. Son realmente os malos da película?

Durante moitos anos estendeuse a famosa idea de que os carbohidratos non sempre son bos para a nosa saúde. Isto é realmente así? Esta afirmación que leva tempo circulando por todos os medios é una xeneralización e non debemos tomala ao pé da letra. Explicámosche por que neste blog.

En primeiro lugar, debemos saber que os carbohidratos son un dos tres nutrientes principais para a nosa alimentación, xunto coa proteína e as graxas. Ademais, son o maior aporte enerxético para o noso organismo, incluído o cerebro. Agora ben, dentro deles podemos diferenciar varios tipos:

  • Azucres: son coñecidos tamén como carbohidratos simples porque se atopan na súa forma máis básica. Poden ser agregados, como nas lambetadas ou nos refrescos (cuxo consumo debemos evitar o máximo posible), ou naturais, como os que teñen as froitas ou verduras.

  • Amidóns: son carbohidratos complexos que están feitos de moitos azucres simples que o noso corpo precisa descompoñer. Podemos atopalos no pan, nos cereais integrais (na súa versión de gran completo) e na pasta, así como nalgunhas verduras, nas patacas, nos chícharos ou no millo.

  • Fibra: son tamén carbohidratos complexos como os amidóns. O noso corpo non pode descompoñela, polo que fai que nos sintamos máis saciados á hora de comer alimentos que a conteñan en grandes cantidades.

Ademais, as alimentacións altas en fibra axudan a previr problemas estomacais ou intestinais como o estrinximento e axuda ao control do colesterol e do azucre no sangue. Podemos atopar a fibra en alimentos que proveñen principalmente de plantas como as froitas, verduras ou as sementes.

Deste xeito, podemos afirmar que os carbohidratos mantéñennos saudables e dannos enerxía tanto física como mental, posto que conteñen vitaminas, minerais e antioxidantes que atrasan o envellecemento celular.

Tendo isto en conta, que pasaría se reducimos ou eliminamos o seu consumo? Malia que moitos discursos defenden que os carbohidratos son malos para a nosa saúde, moitos deses argumentos só se centran naqueles que están presentes nos ultraprocesados pero, como xa vimos, podemos atopalos nunha multitude de alimentos saudables.

De facelo, perderemos a obtención de vitaminas esenciais no noso día a día e o noso corpo comezará a descompoñer a graxa para obter a enerxía que precisa. Isto, levado ao extremo, pode producir mareos, dores de cabeza ou fatiga.

De seguro que, agora que xa coñeces un pouco mellor o mundo dos carbohidratos, xa non os ves como unha ameaza real pero si como algo que debemos controlar e vixiar de que alimentos os obtemos. En García e Lestón temos ao mellor equipo na nosa área de nutrición para axudarche nesa tarefa.

CORRER OU CAMIÑAR? UNHA DECISIÓN MÁIS IMPORTANTE DO QUE PENSAS

Algunha vez quixeches facer exercicio de cardio pero non te decantas por un? Pensaches en saír á rúa a facer deporte pero non che gusta moito correr? Prefires camiñar pero non tes a seguridade de poder obter moitos resultados? Pois debes saber que esta idea é errónea e hoxe ímosche explicar cales son as diferenzas reais entre estas dúas actividades para saber cal debes elixir:

Determinar se correr é mellor que camiñar e viceversa depende, principalmente, de tres factores: o aspecto da nosa saúde que queremos coidar, o noso estado físico e, o máis importante, as nosas preferencias individuais. Pode ser que para unha persoa moi activa, correr sexa a mellor forma de liberar endorfinas e sentirse ben pero, para unha máis sedentaria que comeza a facer deporte ou cunha mala condición física, isto pode ser a peor decisión, pois non vai gozar da actividade e a vai vela como un castigo ou unha obriga.

Como diferenciamos os efectos de correr dos de camiñar? Debemos analizar unha serie de aspectos. Se poñemos a atención no noso sistema cardiovascular, ambas actividades son beneficiosas para nós, posto que reducen o risco de exceso de colesterol, hipertensión ou diabetes. Con todo, se camiñamos, deberá ser a un ritmo medianamente intenso, de non ser así, o nivel de gasto de enerxía será moito menor para o noso corpo e os resultados moito menos destacables.

Por outra banda, se queremos priorizar as nosas articulacións, podemos dicir que é preferible camiñar, posto que xeramos menos impacto no noso tren inferior, como os xeonllos e os nocellos. Ademais da intensidade, temos que ter sempre en conta o terreo no que estamos a desenvolver a actividade. Unha superficie moi irregular pode ser prexudicial para nós.

Por último, se abordamos os beneficios psicolóxicos, malia que ambas opcións son recomendables, a acción de correr pode axudarnos máis neste aspecto. Isto é así porque produce unha maior cantidade de endorfinas, unha sustancia que xera o noso cerebro e que se relaciona coa sensación de benestar e o alivio da dor.

Correr e camiñar son dúas grandes alternativas para manternos activos/as e debemos elixir a que máis nos guste e a que máis nos achegue para acadar os nosos obxectivos. Ambas actividades axúdannos a coidar do noso organismo e ter unha vida moito máis saudable. En García e Lestón temos ao mellor equipo de persoas profesionais que poden axudarche a atopar a opción máis óptima e acorde ás túas necesidades para manter activo o teu corpo.

A fisioterapia. Un apoio máis para o tratamento do Parkinson

O Parkinson é unha doenza cuxo número de casos incrementou nos últimos anos. Trátase dun trastorno do movemento que é progresivo e que se orixina cando as neuronas non producen a cantidade necesaria dunha substancia coñecida como dopamina. Deste xeito, ademais de afectar ao sistema nervioso tamén terá as súas consecuencias sobre os músculos e o nivel de actividade da persoa que o padeza.

Malia que é unha afección moi coñecida, polo momento non existe unha cura,  polo que o/a doente deberá convivir con ela de forma crónica. Con todo, existen moitos xeitos de reducir os seus efectos e de lograr unha mellor calidade de vida durante a doenza, neste blog falámosche dun concreto.

Pero primeiro debemos abordar cales son os síntomas principais para poder recoñecelos. Ademais do xa característico tremor dos membros, pode que esta doenza se manifeste doutros xeitos:

  • Lentitude nos movementos
  • Rixidez nas extremidades
  • Trastornos da postura
  • Cambios na voz cara un ton máis débil
  • Perda de expresividade na cara
  • Debilitación do sentido do olfacto
  • Trastornos do sono
  • Ansiedade ou depresión

Como xa che comentamos, o Parkinson é unha doenza que non se pode curar e que empeora co paso do tempo. Como reducir o seu impacto na nosa saúde? A fisioterapia é unha opción máis que recomendable.

Esta disciplina axuda á recuperación da marcha, á superación dos bloqueos do movemento, a facilitar cambios na postura corporal, a manter a mobilidade muscular ou a diminuír as doenzas físicas.

Deste xeito, procúrase que a persoa doente gañe autonomía e coñeza os mecanismos necesarios para aplicar no seu día a día. Por outra banda, grazas a técnicas como a termoterapia, por exemplo, o/a fisioterapeuta tamén poderá axudar a evitar a retracción dos músculos.

Todo isto, por suposto, dependerá dunha valoración previa por parte da persoa profesional, quen comprobará o estado do/da doente e aplicará os exercicios necesarios dependendo das súas condicións.

Pode que o camiño non sexa doado, pero ter ao carón persoas que che poidan axudar no proceso é imprescindible. En García e Lestón sabémolo, por iso poñemos á túa disposición, non só a nosa área de fisioterapia, tamén as de nutrición, adestramento e psicoloxía para que nada che poida impedir gozar do teu día a día.