Trastorno de síntomas somáticos. A liña entre doenza mental e física

Corpo e mente atópanse nun diálogo constante. O noso benestar pasa por todo tipo de doenzas, ben sexan físicas ou psicolóxicas e, en certos casos, podemos padecer un trastorno de saúde mental que se manifeste a través de síntomas físicos, isto é o que coñecemos como somatización. Queres saber máis sobre este asunto? Presta atención ao que che contamos hoxe.

O trastorno de síntomas somáticos é aquel que provoca en nós determinadas doenzas físicas cuxo orixe non ten unha explicación máis aló da psicoloxía. Estas somatizacións pódense producir en forma de dores de cabeza, cansazo, dificultade para respirar, presión no peito, vómitos, diarrea, problemas para ouriñar, etc. Ademais, este trastorno pode acentuar tamén os síntomas de doenzas físicas cuxa causa si se pode detectar pero nas que a reacción do/a doente é máis intensa do que se podería esperar. É preciso destacar que un TSS nada ten que ver cunha invención dos síntomas por parte da persoa que o atravesa, estes sempre serán reais.

Pero por que se pode manifestar esta condición? Falamos de TSS cando a persoa sente un gran grao de ansiedade ante os síntomas físicos, imposibilitando ou dificultando o desenvolvemento do seu día a día de xeito normal. Ante esta excesiva preocupación, é común que, aínda que as probas e avaliacións médicas descarten orixe algunha dos síntomas físicos, o/a doente continúe convencido/a de que o seu estado de saúde periga.

As causas que explican a aparición dun trastorno de síntomas somáticos son variadas, entre elas podemos destacar:

  • Risco de padecer unha enfermidade.
  • Antecedentes familiares.
  • Personalidade ou visión de futuro negativa.
  • Maior sensibilidade á dor.
  • Recuperación dunha doenza.

A ansiedade ou a depresión tamén poden ser factores de risco deste trastorno. Por unha banda, a ansiedade pode aumentar a actividade do noso sistema nervioso, o que provoca dores localizadas e punzantes ou tensión sobre os nosos músculos. Pola outra banda, padecer certos tipos e graos de dor pode ser un proceso moi complicado e conducir á persoa doente cara a unha depresión, creando un bucle no que a depresión tamén aumenta a dor.

Para detectar correctamente o trastorno de síntomas somáticos é preciso contar coa avaliación de profesionais que descarten unha orixe física dos síntomas ou que nos axuden co tratamento do mesmo mediante terapia para evitar, ademais, que derive noutras doenzas psicolóxicas. En García e Lestón temos ao mellor equipo na nosa área de psicoloxía para axudarche en todo o posible.

Xaxún intermitente. É unha opción que debemos ter en conta?

Seguro que tes escoitado falar moitas veces do xaxún intermitente, ou mesmo coñeces a alguén que fixo uso deste hábito de alimentación na súa rutina diaria. Os beneficios que demostra o xaxún intermitente poden chegar a ser moi atractivos pero debemos valorar certos factores do mesmo para saber se podemos aplicar este xeito de alimentarnos ás nosas vidas. No blog de hoxe analizamos as súas chaves.

En primeiro lugar debes coñecer en que consiste o xaxún intermitente. Existe a falsa crenza de que este método implica facer só unha comida ao día, pero o certo é que estamos a falar dun termo máis relacionado coas franxas horarias nas que podemos comer que co número de tomas de alimentos. Desta forma, o xaxún intermitente implica establecer unhas horas durante as cales non se fan comidas máis aló do propio xaxún que todos e todas realizamos entre a cea e o almorzo. De feito, existen varias maneiras de abordar o xaxún intermitente:

  • Alternar os días nos que facemos o xaxún.
  • 12/12: Realizar unha comida cada 12 horas.
  • 20/4: Non comer durante 20 horas e facelo nas 4 restantes.
  • 16/8: Non comer durante 16 horas e facelo nas 8 restantes.

Con todo, non se trata dunha desas “dietas milagre”, só restrinxe as horas nas que comemos, non os alimentos. É esencial que a nosa nutrición continúe sendo equilibrada e variada, contando con froita, legumes, verduras, cereais, pescado, etc. É por iso que trasladar o xaxún intermitente á nosa rutina pode facer que baixemos de peso, si, pero non é un efecto completamente asegurado. De nada serve facer menos comidas ao día se nelas inxerimos máis cantidade do normal ou abusamos de procesados.

Entón, por que podería resultar útil? Debemos ver ao xaxún intermitente non como unha dieta, senón como un modo de alimentación, como unha opción máis. De igual xeito que non todas as persoas precisan realizar 5 comidas ao día, xaxuar pode non ser unha opción ao gusto de todos e todas. Debemos ter en conta variables como o noso horario, as actividades que realizamos ao longo do día ou a reacción do noso corpo ao non comer durante certo tempo, e é que este xeito de consumir a comida non é aconsellable para persoas con ansiedade ou con trastornos alimentarios.

Como podes comprobar, o xaxún intermitente pode ser unha alternativa válida no noso día a día e pode causar beneficios como a perda de peso ou a mellora da sensibilidade á insulina. Con todo, sempre temos que acudir a un/unha profesional que valore a nosa situación e que nos aconselle o procedemento máis axeitado. En García e Lestón temos ao mellor equipo para facer isto posible.

Nunca é tarde para unha vida activa. Adestramento nas persoas máis maiores

Saír a camiñar, nadar, montar en bicicleta… O exercicio é moi importante no coidado da nosa saúde, polo que non debemos deixar de prestarlle atención teñamos a idade que teñamos. Por iso, neste blog imos analizar os múltiples beneficios dunha vida activa nas persoas máis maiores.

Realizar actividade física adquire un carácter moi importante cando chegamos a certa idade, posto que non só nos axuda a manternos en forma, tamén é esencial para evitar certas doenzas tanto físicas como psicolóxicas.

Non é un segredo para ninguén que, conforme avanzan os anos, o noso corpo tende a debilitarse, perdendo densidade ósea, forza e resistencia na musculatura e incluso aumentando a rixidez das nosas articulacións. Practicar deporte é unha moi boa forma de reducir o impacto destes cambios, mellorando a nosa calidade de vida no día a día e facilitando a realización de accións cotiás, xa que incrementa a nosa enerxía e mellora o equilibrio, evitando así posibles caídas.

Así mesmo, manternos activos e activas neste rango de idade é de moita axuda ante a aparición de doenzas que aumenten o risco de mortalidade:

  • Resulta útil para manter un peso adecuado, reducindo a posibilidade de ter obesidade.
  • Axuda a evitar a diabetes tipo 2.
  • Diminúe a probabilidade de padecer complicacións no noso sistema cardiovascular.
  • Fortalece o noso sistema inmune.

Con todo, tamén o noso benestar mental se ve amplamente reforzado se seguimos unha rutina de deporte neste momento das nosas vidas. E é que a saúde mental e a física van da man en moitas ocasións. Certos exercicios axudan a traballar e estimular a mente, favorecendo o funcionamento do cerebro e aumentando a nosa memoria. Outros beneficios psicolóxicos que debemos ter en conta son:

  • Menor risco de padecer demencia ou alzhéimer.
  • Mellora do noso estado de ánimo.
  • Protección fronte a depresión ou a ansiedade.
  • Inclusión social.
  • Mellora da autoestima a través dunha maior autonomía.

Entón, que actividades podemos practicar se buscamos facer máis exercicio? É esencial que traballemos a resistencia, a forza e o equilibrio. Para iso podemos saír a camiñar, montar en bicicleta, nadar, bailar, pilates, subir escaleiras ou mesmo poñernos sobre un só pé. Porén, sempre debemos ter en conta as nosas condicións médicas e apoiarnos en profesionais que nos guíen no proceso.

Como podes comprobar, nunca é demasiado tarde para comezar unha vida activa. Non deixes que a idade sexa un impedimento e comeza a gozar de todos os beneficios que nos achega o deporte. En García e Lestón temos ao mellor equipo para axudarche en todo o que precises e engadir unha rutina de exercicio no teu día a día.

Lesións no inverno. Non deixes que o frío faga das súas

Poucas son as escusas que non nos permitan practicar deporte, incluso no inverno. Con todo, as condicións climáticas propias desta época do ano poden resultar perigosas para nós, posto que as baixas temperaturas afectan á contorna pola que nos movemos e tamén ao noso corpo. Non ser conscientes destes factores pode desencadear nunha mala situación na que se produza unha lesión. Queres evitalo? Pois presta atención ao que che contamos neste blog.

O primeiro que debes saber é que o frío afecta á nosa musculatura, facendo que se manteña nun estado máis ríxido, e ás nosas articulacións, perdendo estas certa mobilidade. Así, nestas condicións aumenta a probabilidade de padecer algunha microrrotura muscular, escordadura ou luxación mentres realizamos deporte.

Ante o contraste cos graos do ambiente, o corpo precisa dun maior gasto calórico para manter a temperatura. Ao partir desta base, uns correctos exercicios de quecemento e estiramento resultarán esenciais para previr esta clase de riscos. Ademais, podemos axudarnos de complementos como luvas ou pulseiras. Neste sentido, a fisioterapia é de grande utilidade para evitar posibles lesións grazas ao apoio dun/dunha profesional que analice os problemas na nosa postura e musculatura para encarar a realización do deporte do xeito máis seguro posible.

Nesta estación, o número de persoas que practica deportes como a patinaxe ou o esquí aumenta e, aínda que poida resultar atractivo e divertido, non debemos facelo sen un coñecemento previo. Estas actividades teñen un risco moi alto de accidente debido á falta de inestabilidade e o xeo. Se nos estamos a iniciar nestes deportes, as caídas son inevitables, pero saber como caer pode salvarnos dunhas cantas lesións: evita usar o teu pulso para frear o golpe, posto que podes fracturalo, e utiliza mellor o teu brazo e o teu ombreiro.

Debemos ter moito coidado na práctica destes exercicios sobre o xeo ou a neve, ao igual que saír a correr ou a camiñar por un terreo cun chan conxelado, de non facelo poderemos sufrir lesións óseas ou articulares como no nocello ou nos xeonllos. Para iso sempre é recomendable usar proteccións e consultar a previsión meteorolóxica antes de saír da casa.

Agora xa coñeces algúns consellos cos que poder evitar certos accidentes e non deixar a un lado o deporte nesta estación. Con todo, é probable que o frío nos xogue unha mala pasada. Para iso, en García e Lestón contamos co mellor equipo de profesionais fisioterapeutas para axudarche a preparar o teu corpo para o exercicio e acompañarte na recuperación no caso de lesión.

Comeza con bo pé o 2022. A importancia de coidar a nosa saúde mental

Moitos e moitas de nós reservamos un espazo na nosa listaxe de propósitos de ano novo para coidarnos máis e seguir unha serie de melloras na nosa alimentación ou nas nosas sesións de adestramento. Pero neste impulso por ter unha mellor saúde non debemos esquecer o coidado da nosa mente.

Que a saúde mental sexa un dos pilares fundamentais para garantir o noso benestar non é ningún segredo. Con todo, e aínda que precisar axuda profesional neste ámbito sexa un feito cada vez máis normalizado, moitas persoas poden esconder esta necesidade aos seus seres queridos ante a falta de información ou o medo a ser incomprendido/a. Son estes e outros factores os que fan que a sociedade estigmatice a terapia psicolóxica e os e ás doentes que acoden a ela. Por iso, no blog de hoxe falaremos sobre a súa importancia e os beneficios que nos proporciona para que comeces o 2020 do mellor xeito posible.

Para empezar, é preciso que sexamos conscientes de que a terapia non só está orientada a aquelas persoas con doenzas mentais. Acudir a un psicólogo ou psicóloga pode ser moi beneficioso aínda que non teñamos, a priori, ningunha necesidade. Por que? Falar cun/cunha profesional de forma libre axudaranos a:

  • Comprender mellor os nosos pensamentos.
  • Xestionar as nosas emocións.
  • Detectar condutas que nos gustaría cambiar.
  • Saber como afrontar os problemas do día a día.
  • Mellorar a forma na que nos relacionamos coas demais persoas.

Deste xeito, obteremos unha imaxe máis real de nós mesmos/as coa que poderemos coñecer cales son as nosas motivacións, virtudes e limitacións no camiño a alcanzar as nosas metas e obxectivos de vida.

O labor dun/dunha psicólogo/psicóloga tamén resulta de interese para superar certas dificultades que non teñen por que supoñer necesariamente a presenza dalgunha doenza mental. Se precisas axuda para comunicarte mellor con outras persoas ou coñecer xente, a terapia pode ser unha grande aliada.

Neste sentido, é de utilidade á hora de eliminar o risco de que aparezan problemáticas máis graves ou posibles trastornos. Certos acontecementos, experiencias ou pensamentos irracionais poden desencadear, co paso do tempo, en estrés, ansiedade ou mesmo fobias. Saber identificar ditos factores e reaccionar ante eles pode ser a clave.

Como podes comprobar, o noso benestar mental non é algo que poidamos deixar de lado. Neste ano que comeza, e despois de case dous de pandemia, a atención a este aspecto da nosa saúde resulta de vital importancia para todos e todas nós. Por iso, en García e Lestón contamos co mellor equipo profesional na nosa área de psicoloxía para axudarche en todo o que precises.

Alimentación e Nadal. Que o doce non che amargue estas datas

Para que negalo? O Nadal sempre foi sinónimo de grandes cantidades de comida e moito consumo de larpeirada como chocolates, polvoróns, turróns, mazapáns, o tan esperado roscón de Reis… Poderíamos pensar que esa é a alimentación que debemos seguir nesas datas por algunha norma non escrita, pero o certo é que o noso corpo non pecha por vacacións e que debemos coidalo. No blog de hoxe dámosche unha serie de consellos para que non fagas destas celebracións un golpe directo ao teu benestar.

O primeiro que debemos ter en conta é deixar os excesos. É moi importante comer de xeito moderado, ata cando sintamos o noso estómago cheo e non pesado. Nestas ceas e comidas o máis normal é que haxa unha gran variedade de pratos no menú, o cal pode complicar esta tarefa. Que podemos facer para non inxerir demais e gozar de todas as preparacións? A resposta está nas racións. Controla a cantidade de alimentos que serves no teu prato e chegarás á sobremesa en boas condicións.

Do mesmo xeito, non é aconsellable saltar comidas do día por se ceamos moito, por exemplo, en Noiteboa, ou non cear porque rematamos de xantar moi tarde. Moderar as racións tamén será de moita axuda para sentirnos ben despois de comer e non alterar os nosos hábitos.

Por outra banda, por moito que queiramos sorprender aos nosos e nosas comensais coas nosas elaboracións, non debemos apostar moito polas graxas saturadas de alimentos como o queixo, embutidos, certas salsas ou fritos. As carnes magras e os pescados con unha mellor opción para os teus pratos, igual que as froitas e verduras.

Ninguén di que non poidas comer algo de turrón ou uns polvoróns, pero deberá ser de xeito moi puntual. Para conseguilo e non picar máis da conta da bandexa, non fagas as comidas máis longas do necesario e levántate unha vez rematedes de xantar ou de cear.

Así mesmo, tampouco é recomendable o consumo excesivo de bebidas alcohólicas ou refrescos con moito azucre, moi estendidos nesta época. Opta por acompañar estas comidas máis copiosas do normal con auga para manter o teu corpo ben hidratado. Certas infusións tamén poden axudarche a facer unha mellor dixestión.

Sigue estes consellos e poderás gozar dun Nadal saudable no que, ademais de celebrar as datas coa túa familia e amigos, poderás seguir coidando do teu benestar. Con todo, cando de alimentación se trata sempre é recomendable contar coa axuda dun/dunha profesional que nos indique unhas pautas personalizadas. En García e Lestón, o noso equipo da área de nutrición ofrecerache toda a axuda necesaria.

Adestramento e Nadal. Que a falta de rutina non te leve ao lado escuro

Chega a época máis agardada do ano para moitas persoas. Os reencontros, os agasallos e as ceas con familiares e amigos/as son as actividades que definen sempre as nosas vacacións de Nadal. Con todo, este cambio tan brusco na nosa rutina pode alterar os nosos hábitos, como a realización de exercicio. Moitos poderían pensar que estas datas e a actividade física non casan moi ben, pero neste blog ímosche explicar por que segue a ser tan importante practicar deporte nestas celebracións e que facer para non deixalo a un lado.

É normal que, ao rematar o ano, nos preocupemos menos polas nosas motivacións do día a día e comecemos a propoñernos novos retos para os meses seguintes. Prometer que en 2022 imos facer exercicio de forma máis constante se en decembro abandonamos a rutina que tiñamos establecida só conseguirá que nos desmotivemos ante a sensación de non cumprir cos nosos obxectivos. Por iso é tan importante non renderse na recta final do ano. Do mesmo xeito, non debemos deixarnos levar polo feito de estar fóra da nosa cidade, da nosa casa, de viaxe ou non poder acceder ao noso ximnasio habitual.

Por outra banda, o deporte pode resultarnos de moita axuda ante as comidas e ceas tan copiosas do Nadal, posto que podemos queimar parte dese exceso de calorías. Con todo, debemos ter en conta que o exercicio non fai milagres, e que non funcionará para contrarrestar os abusos de certos alimentos como os turróns ou os polvoróns. Facer exercicio está ben, pero tampouco debemos descoidar en exceso a alimentación.

Outro aspecto no que nos pode resultar de axuda é no estrés e na ansiedade. Ben sexa polos agasallos, pola decoración, por facer a cea perfecta, polas reunións en tempos pandémicos ou, simplemente, porque non che gusta o Nadal, estas datas pódense facer complicadas. Unha rutina de actividade física será beneficiosa para manter o noso benestar psicolóxico ou mesmo para conciliar mellor o sono.

Entón, se tan importante é o exercicio nesta época, como podes organizar a túa rutina?

  • Se queres facer deporte, o máis importante é quecer antes para evitar calquera posible lesión.
  • Do mesmo xeito, non esquezas facer exercicios de estiramento, moi importantes nunhas datas tan sedentarias.
  • Realiza 30 minutos de actividade cardiovascular ao día. Se o tempo cho permite podes saír a camiñar ou a correr.
  • Non esquezas combinar isto con exercicios de forza polo menos uns 3 ou 4 días á semana.

Que pensas agora? Seguro que cos nosos consellos xa es consciente do importante que é manter a nosa rutina de actividade física durante o Nadal. Con todo, sempre é mellor contar con apoio profesional. En García e Lestón o noso equipo está disposto a axudarche en todo o que precises para que o deporte non se che faga costa arriba nin en vacacións.

Radiofrecuencia en fisioterapia: ademais de alta frecuencia, alta eficacia

Evolución, formación, vangarda tecnolóxica e, sobre todo, resultados. Se puidésemos definir de forma exacta o noso sistema de traballo no Centro Integral de García e Lestón eses serían, sen dúbida, os aspectos máis destacados.

É por iso que, na nosa incansable intención de ofrecer aos nosos e nosas pacientes as mellores e máis innovadoras terapias de recuperación incorporamos no noso Centro a Terapia de Radiofrecuencia Selectiva.

Si, sabemos que non tes nin idea do que estamos a falar así que queda connosco, sigue lendo e descubre como esta tecnoloxía pode axudarche a mellorar o teu estado de saúde e benestar.

A Radiofrecuencia Selectiva é unha metodoloxía complementaria aos coñecementos do noso equipo coa que aplicar dun modo exacto e efectivo enerxía electromagnética sobre os tecidos desexados para lograr a mellora dunha determinada patoloxía. Pero… sobre que tipo de disfuncións ofrece resultados probados?

Tanto se o teu problema son os espasmos musculares localizados, puntos gatillo, mialxias, tendinopatías ou dores cervicais, a terapia con radiofrecuencia pode ser a túa aliada.

Si, tamén sabemos que pode asustar, pero este tipo de procedementos terapéuticos non só son indoloros, senón que ofrecen resultados demostrados como:

  • Relaxación muscular:

Debido ao efecto que produce de miorelaxación nos tecidos grazas á vasodilatación lógrase unha relaxación inmediata sobre a zona de aplicación.

  • Rexeneración de tecidos:

Outro dos grandes beneficios da Radiofrecuencia Selectiva é a rápida rexeneración dos tecidos sobre os que se sufriu unha lesión provocando ademais unha reabsorción dos hematomas producidos.

  • Redución de Edemas:

Polo mesmo principio de vasodilatación tamén se consegue unha redución nas posibles edemas.

  • Alivio da dor:

Por conseguinte, tras reducir o edema, favorecer a reabsorción do hematoma e axudar na relaxación muscular da zona, a dor verase inevitablemente reducida.

Non dubides máis e descubre xa xunto ao noso equipo de fisioterapeutas esta nova técnica de vangarda no tratamento de lesións coa que, da man de técnicas máis tradicionais de terapias manuais os resultados estarán garantidos. Ponte nas nosas mans – e nas nosas ferramentas – e dá un paso máis cara ao benestar.

Adicción aos xogos de azar en liña. Aposta polo teu benestar

Hoxe en día, a accesibilidade aos xogos de azar e ás apostas a través de internet é incuestionable. Aínda que a publicidade da mesma se regularizou bastante nos últimos tempos, a rede é un lugar cheo de páxinas e portais que invitan a desembolsar grandes cantidades de diñeiro nestas actividades.

Con todo, debemos procurar que os máis mozos e mozas estean o menos expostos posible a estas webs e aplicacións, posto que están totalmente prohibidas nos menores. No blog de hoxe falaremos de como o contacto con estas actividades pode dar lugar ao desenvolvemento dunha adicción neste rango de idade e dos comportamentos que nos poden axudar a identificala.

Para comezar, é necesario ter en conta a promoción que ata fai pouco circulaba polos medios de comunicación e a calquera hora do día na radio, na televisión ou mesmo mediante figuras influentes das redes sociais e que contribuía a normalizar estas actividades entre os máis pequenos/as. Con todo, hoxe en día o alcance destes anuncios foi limitado de forma legal, e aínda que isto supón un risco menos para os menores de entrar en contacto co xogo, non é a solución definitiva.

A facilidade coa que, a través dun dispositivo móbil, podemos acceder a portais de apostas e xogos de azar segue a ser un factor chave nestes casos, xuntándose coa dependencia de estar en conexión durante todo o día de moitos e moitas adolescentes e a falta de filtros de acceso a menores dalgunhas páxinas web.

É común que nestes lugares da rede se lles ofreza aos novos usuarios e usuarias a posibilidade de comezar a xogar sen investir cartos. Isto provoca que a vía de entrada a estas actividades sexa moito máis atractiva para as persoas mozas, posto que non supón risco algún de sufrir perdas.

Deste xeito, e despois dunha boa primeira experiencia, os e as adolescentes comezarán a apostar cartos reais. Nun primeiro momento o xogador ou xogadora experimentará unha fase de ganancias que fará que considere ao xogo de azar como unha forma de obter beneficios. Con todo, o azar é o azar e é inevitable pasar por unha fase de perdas. Isto fará que os mozos e mozas sintan desesperación por recuperar ese investimento e queiran xogar cada vez máis, orixinando unha adicción.

Así pois, a ludopatía trae consigo unha serie de consecuencias negativas no comportamento do/a menor que, de saber detectalas, poden axudarnos a identificar este problema. Algunhas delas son:

  • Descoidar as relacións persoais a favor do xogo.
  • Sentir angustia e ansiedade por non poder recuperar os investimentos.
  • Mentir aos seus seres queridos.
  • Evadir os problemas mediante as apostas.

Agora xa coñeces as posibilidades e os perigos de desenvolver unha dependencia dos xogos de azar e das apostas nos máis pequenos/as. Con todo, se te atopas nunha situación semellante ou coñeces a alguén que poida estar pasando polo mesmo, en García e Lestón contamos co mellor equipo profesional na nosa área de psicoloxía para poder axudarche en todo o que precises.

Alimentación e saúde mental. Máis relacionadas do que cres

É ben coñecido por todos e todas que a chave de ter unha boa saúde reside en poñer atención e coidado a moitos aspectos do noso día a día, pero cando pensamos na alimentación, relacionámola inmediatamente co benestar físico. Sabías que o benestar emocional e psicolóxico dialoga máis do que parece cos nosos hábitos alimentarios? Contámoscho no blog de hoxe.

Unha das razóns polas que o xeito no que nos alimentamos é importante para unha boa saúde mental reside no cerebro e no sistema nervioso. O cerebro necesita de moita enerxía para realizar as súas funcións e, para iso, precisamos darlle ao noso corpo os nutrientes necesarios para manter estes órganos en bo estado e evitar o desenvolvemento dalgunha patoloxía.

E é que unha boa nutrición é esencial para evitar calquera problema físico que poida afectar á nosa saúde psicolóxica. Por exemplo, unha mala alimentación pode contribuír a que padezamos insomnio, a que se deteriore a nosa memoria ou á aparición de doenzas graves ou crónicas, como certos cancros, cuxa loita ou tratamento pode ter efectos negativos sobre o benestar mental.

Se poñemos atención aos casos e estudos, algúns deles atoparon evidencias de que unha alimentación mediterránea e rica en verduras pode axudar a evitar factores de risco propios da ansiedade. Do mesmo xeito, a carencia de certas vitaminas como a B12 é común en algunhas persoas con depresión, nas cales tamén se observou unha relación directa co consumo excesivo de graxas saturadas.

E pola parte contraria? Pode a saúde mental afectar á nosa alimentación? O certo é que si, e neste caso compre falar dos TCA ou Trastornos da Conduta Alimentaria. A ansiedade, a baixa autoestima ou a inseguridade poden repercutir sobre a nosa relación coa comida, provocando que a persoa que o padece apenas coma ao longo do día ou que o faga de forma excesiva, entre outras consecuencias.

Como podes comprobar, a nosa nutrición non só é fundamental no coidado do corpo, tamén no da mente. De todos xeitos, debemos ser conscientes de que aínda que axuda a evitar factores de risco, a alimentación non é unha ferramenta que por si mesma cure doenzas psicolóxicas, polo que sempre debemos acudir a un/unha profesional da saúde mental.

Con todo, se queres comezar a coidar a túa relación cos alimentos que consumes no teu día a día e minimizar os riscos de desenvolver calquera tipo de doenza, ben sexa física ou psicolóxica, na nosa área de nutrición podémosche axudar a conseguilo.