Trastorno de síntomas somáticos. A liña entre doenza mental e física
Corpo e mente atópanse nun diálogo constante. O noso benestar pasa por todo tipo de doenzas, ben sexan físicas ou psicolóxicas e, en certos casos, podemos padecer un trastorno de saúde mental que se manifeste a través de síntomas físicos, isto é o que coñecemos como somatización. Queres saber máis sobre este asunto? Presta atención ao que che contamos hoxe.
O trastorno de síntomas somáticos é aquel que provoca en nós determinadas doenzas físicas cuxo orixe non ten unha explicación máis aló da psicoloxía. Estas somatizacións pódense producir en forma de dores de cabeza, cansazo, dificultade para respirar, presión no peito, vómitos, diarrea, problemas para ouriñar, etc. Ademais, este trastorno pode acentuar tamén os síntomas de doenzas físicas cuxa causa si se pode detectar pero nas que a reacción do/a doente é máis intensa do que se podería esperar. É preciso destacar que un TSS nada ten que ver cunha invención dos síntomas por parte da persoa que o atravesa, estes sempre serán reais.
Pero por que se pode manifestar esta condición? Falamos de TSS cando a persoa sente un gran grao de ansiedade ante os síntomas físicos, imposibilitando ou dificultando o desenvolvemento do seu día a día de xeito normal. Ante esta excesiva preocupación, é común que, aínda que as probas e avaliacións médicas descarten orixe algunha dos síntomas físicos, o/a doente continúe convencido/a de que o seu estado de saúde periga.
As causas que explican a aparición dun trastorno de síntomas somáticos son variadas, entre elas podemos destacar:
- Risco de padecer unha enfermidade.
- Antecedentes familiares.
- Personalidade ou visión de futuro negativa.
- Maior sensibilidade á dor.
- Recuperación dunha doenza.
A ansiedade ou a depresión tamén poden ser factores de risco deste trastorno. Por unha banda, a ansiedade pode aumentar a actividade do noso sistema nervioso, o que provoca dores localizadas e punzantes ou tensión sobre os nosos músculos. Pola outra banda, padecer certos tipos e graos de dor pode ser un proceso moi complicado e conducir á persoa doente cara a unha depresión, creando un bucle no que a depresión tamén aumenta a dor.
Para detectar correctamente o trastorno de síntomas somáticos é preciso contar coa avaliación de profesionais que descarten unha orixe física dos síntomas ou que nos axuden co tratamento do mesmo mediante terapia para evitar, ademais, que derive noutras doenzas psicolóxicas. En García e Lestón temos ao mellor equipo na nosa área de psicoloxía para axudarche en todo o posible.