Perder graxa e exercitar a musculatura. Que facer primeiro?
Chegou o momento. Estás disposto/a a comezar a adestrar para lograr un cambio físico. Chegas ao ximnasio e… Agora que? Que quero conseguir e que exercicios debo realizar para alcanzar a miña meta?
Normalmente, as persoas que comezan a practicar deporte fano con dúas principais finalidades: perder graxa ou exercitar a musculatura. Existe a crenza de que hai determinadas actividades enfocadas a cada unha das dúas metas, pero non todo é tan sinxelo como parece. Cales son?
- Os exercicios de cardio (cardiovasculares), que son aqueles destinados ao aumento do noso ritmo cardíaco para perder peso: correr, montar en bicicleta, nadar, saltar á corda, etc.
- Os exercicios de forza, que buscan desenvolver, definir e gañar masa muscular.
Con todo, non existe ningunha fórmula máxica que nos diga que actividades temos que seguir para alcanzar unha destas dúas finalidades, xa que temos que reparar no gasto calórico que estamos a facer.
Por unha banda, os exercicios de cardio axudarannos a queimar máis calorías de forma inmediata, pero o noso metabolismo irase adaptando ao esforzo co paso do tempo, diminuíndo o ritmo deste gasto. Pola outra, o adestramento de forza tamén nos axudará a perder calorías, pero dun xeito máis lento e prolongado no tempo. Por que?
Canto máis desenvolvamos os nosos músculos, máis gasto de enerxía van precisar, polo que traballar a nosa musculatura implicará tamén un aumento no déficit calórico.
Polo tanto, a chave para un bo adestramento residirá en intercalar, na medida do posible, estes dous tipos de exercicios. Cal facer primeiro? Dependerá do noso obxectivo:
- Se o que buscamos é perder peso ou gañar resistencia, o máis aconsellable será comezar por unha sesión de cardio para despois utilizar os exercicios de forza como complemento a esa queima de graxa.
- Polo contrario, se queremos aumentar a masa muscular, o adestramento de forza deberá ser o que vaia en primeiro lugar para non esgotar toda a nosa enerxía cos exercicios aeróbicos.
Vaia o que vaia de primeiro, unha cousa está clara: complementar ambas actividades fará que as nosas sesións de exercicio sexan máis eficaces, tanto para perder peso como para gañar músculo.
Cómpre recordar que, xunto ao deporte, sempre debemos facer un seguimento e coidado da nosa alimentación. Unha nutrición saudable e variada sempre suporá un empuxón nos nosos obxectivos físicos.
Agora xa o sabes, a perda de graxa non ten por que ser incompatible co desenvolvemento muscular nin viceversa. Recorda que para unha maior seguridade, sempre é recomendable acudir a unha persoa profesional que valore o noso estado físico e nos guíe na realización da actividade. Na nosa área de adestramento temos ao equipo perfecto para botarche unha man.